A Xunta destaca que o programa Correspondentes Xuvenís converte ao alumnado en difusor de información de relevancia
Preto de 120 mozos e mozas reuníronse nun encontro final no albergue de Gandarío para expoñer a súa experiencia no programa e ampliar a súa formación sobre información xuvenil
Bergondo (A Coruña), 17 de xuño de 2023 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta mañá no encontro final do programa Correspondentes Xuvenís con preto de 120 mozos e mozas no albergue xuvenil de Gandarío. Durante o acto, agradeceu a implicación do profesorado e da xuventude nesta iniciativa e destacou tanto o labor informativo como de dinamización do día a día nos centros educativos que realizan estes estudantes.
Nesta edición foron máis de 600 alumnos de centros de toda a Comunidade os que levaron a cabo accións de difusión da información no marco deste programa da Xunta de Galicia. A directora xeral de Xuventude explicou que a finalidade desta iniciativa é facer partícipe ás mozas e mozos na difusión de axudas, programas ou actividades que son do seu interese. Deste xeito, o alumnado actúa como altofalante, achegando toda esta información aos seus compañeiros e amigos.
Así mesmo, Cristina Pichel destacou que este programa axuda a potenciar as habilidades comunicativas e sociais dos estudantes, favorece que asuman responsabilidades e transmite valores como a colaboración ou o liderado. Ao alumnado que actúa como correspondente recoñécese a súa participación cun certificado de experiencias en educación non formal en materia de xuventude.