As empresas interesadas no contrato de limpeza dos portos autonómicos nos vindeiros dous anos teñen ata o 12 de xullo para presentar as súas ofertas

A licitación do concurso de Portos de Galicia para eses dous exercicios conta cun orzamento inicial de 9,6 millóns de euros e o seu valor estimado ascende ata os 19,2 millóns de euros incluíndo a posibilidade de realizar dúas prórrogas dun ano

As actuacións inclúen a limpeza nas zonas de servizo dos 122 peiraos galegos, tanto en terra como na lámina de auga, e a recollida dos residuos xerados neles incluíndo o seu traslado a xestores autorizados para un axeitado tratamento

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2023 As empresas interesadas no contrato de limpeza dos portos autonómicos galegos nos vindeiros dous anos teñen ata o próximo 12 de xullo para presentar as súas ofertas. É o prazo establecido na licitación iniciada hai uns días por Portos de Galicia para adxudicar o servizo de limpeza e recollida de residuos nas dársenas da comunidade.

O concurso conta cun orzamento inicial de 9,6 millóns de euros por eses dous anos de servizo, pero inclúa a posibilidade de realizar dúas prórrogas dun ano, polo que o valor estimado do contrato ascende aos 19,2 millóns de euros contando os catro exercicios. Os pregos e toda a documentación deste procedemento están dispoñibles na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante e na páxina web de Portos de Galicia.    

O procedemento establece a división do contrato en tres lotes por distribución xeográfica para facilitar a concorrencia das pequenas e medianas empresas e favorecer unha maior eficiencia na realización dos traballos. Deste xeito, a contratación abrangue os 122 portos de titularidade autonómica nas tres provincias costeiras repartidos neses tres lotes, que se corresponden coas tres zonas administrativas coas que conta Portos de Galicia: zona norte, coincidente coa franxa cantábrica, zona centro, a costa atlántica da provincia da Coruña, e zona sur, a provincia de Pontevedra.

O servizo refírese á recollida, transporte e xestión de refugallos derivados da actividade portuaria e tamén das papeleiras e contedores colocados nas instalacións portuarias. Ao mesmo tempo, afecta á limpeza xeral, sexa manual ou mecánica, limpeza de ramplas, escaleiras de fábrica, pantaláns e diques flotantes, roza de maleza e sega de herba e limpeza das redes de saneamento e pluviais.

O contrato tamén inclúe, entre outros, traballos de limpeza da lámina de auga dos peiraos, dos edificios portuarios, dos canlóns, baixantes e cubertas dos inmobles ou tarefas de limpeza extraordinarias, derivadas de actividades puntuais ou necesidades de retirada de residuos dos fondos mariños.

Nas actuacións previstas tamén está un servizo de inspección e caracterización dos residuos durante o primeiro ano co obxectivo de coñecer a magnitude de volume e peso detallada que permita a Portos de Galicia optimizar no futuro a limpeza e recollida de refugallos nas súas instalacións.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/06/2023