A Xunta asina o convenio para o desenvolvemento do Proxecto global GEM co que se avalía a situación das persoas emprendedoras en Galicia

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) levarán a cabo un ano máis esta iniciativa

Co estudo ofrécese información comparable entre territorios grazas a unha metodoloxía propia e común a todos os países ideada pola London Business School e o Babson College

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2023 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de asinar xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) un convenio de colaboración para levar a cabo unha nova edición do Global Entrepreneurship Monitor (Proxecto GEM). Unha iniciativa que permite avaliar a situación das persoas emprendedoras e do proceso emprendedor a nivel mundial e, nomedamente, tamén en Galicia.

O Proxecto GEM constitúe un programa global de investigación, difusión e compromiso académico que realiza un sistema de recompilación, preparación de informes e coleccións de datos, ademais da creación de varias actividades en beneficio e axuda de investigadores e responsables de políticas e programas públicos no campo da creación de empresas. Deseñado a nivel mundial pola London Business School e o Babson College e rexido polo calendario determinado polos órganos do GEM Consortium, esta iniciativa diferénciase doutras fontes de información sobre o fenómeno emprendedor pola metodoloxía de investigación propia e común a todos os países e rexións participantes, o que permite comparar información entre territorios.

A Xunta investirá 40.000 euros na súa execución, o que supón, de acordo coa metodoloxía GEM no ano 2023, a realización dunha enquisa á poboación adulta (APS), Adult Population Survey, e dunha entrevista a expertos (NES), National Expert Survey. Así mesmo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade redactará e editará o Informe GEM Galicia 2022-23 para a súa presentación pública e difusión.

Para facilitar o desenvolvemento e seguemento do Proxecto GEM en Galicia, crearase unha comisión paritaria entre a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela e a Confederación de Empresarios de Galicia como órgano de vixilancia, seguimento e control do convenio de colaboración.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade trata, a través da colaboración con Proxecto GEM, de consolidar as bases dunha rede conxunta de investigación que permita realizar estudos sobre o emprendemento en Galicia. A sinatura deste convenio apoiará a investigadores e responsables de políticas e programas públicos no eido da creación de empresas, o que permite unha aposta decidida cara a creación de empresas e a consolidación do emprego.

Data de actualización: 17/06/2023