A Xunta ofrecerá ao sector marisqueiro formación para impulsar a valorización dos produtos do mar

A Consellería do Mar e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas celebrarán tres xornadas, dúas delas terán lugar o vindeiro día 23 en Arcade (Soutomaior) e en Vilagarcía de Arousa e a terceira o día 30 en Muros

Estas xornadas son gratuítas, terán unha duración aproximada de hora e media cada unha e serán impartidas por unha experta de márketing e comunicación pesqueira

Nelas abordaranse as principais tendencias de consumo no eido dos produtos da pesca e o marisqueo, ferramentas para comunicar mellor a misión e valores das empresas e autónomos do sector e cuestións relacionadas co valor engadido

As persoas interesadas que desexen máis información poden contactar coa Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra nos casos da de Arcade e Vilagarcía e coa Confraría de Pescadores de Muros para a formación neste municipio

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2023 A Consellería do Mar xunto coa Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, ofrecerá formación ao sector marisqueiro de Galicia para achegar aos produtores, autónomos e empresas deste ámbito ferramentas prácticas de márketing e comunicación co fin de impulsar a valorización dos produtos do mar, mellorar a rendibilidade e potenciar a súa excelencia no mercado.

Deste xeito desenvolveranse tres xornadas, unha delas na sede da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra en Arcade (Soutomaior) e outra na da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, ambas celebraranse o 23 de xuño. A terceira terá lugar no salón de actos da lonxa de Muros o 30 de xuño e todas elas terán unha duración aproximada dunha hora e media.

Trátase dunha formación gratuíta e as persoas interesadas en participar nelas e que desexen máis información poden contactar coa Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra (teléfono: 986 670 103 – correo electrónico: info@fpcppontevedra.gal) nos casos de Arcade e Vilagarcía e coa Confraría de Pescadores de Muros (teléfono: 981 826 143 – correo electrónico: cofradia@cofradiamuros.org) para a formación neste municipio.

Estas tres xornadas desenvolveranse en formato charla-coloquio, serán impartidas pola experta de márketing e comunicación pesqueira da Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados (Fedepesca), Silvia Gil, e realízanse atendendo á constante evolución dos mercados no ámbito marítimo-pesqueiro e á necesidade dunha actualización permanente das estratexias de márketing e comunicación. Con elas búscase que o sector marisqueiro reflexione sobre o seu papel no ecosistema empresarial e promover que chegue ao seu público obxectivo. 

Con eses fins, na formación impartiranse coñecementos sobre as principais tendencias de consumo no eido dos produtos da pesca e o marisqueo e ferramentas ao alcance de autónomos e empresas para comunicar mellor a súa misión e valores aos clientes e colaboradores. Tamén se falará sobre como aportar valor engadido ao produto e como comunicar as súas calidades.  

Esta acción formativa enmárcase na aposta da Xunta de Galicia para impulsar a posta en valor dos produtos do mar, a súa demanda, os prezos e os ingresos dos profesionais da cadea mar-industria.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/06/2023