O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago para informar da oferta do vindeiro curso

Román Rodríguez destaca que a oferta de FP se incrementa en 22 das 25 familias profesionais e en todas as zonas de Galicia

Explica que as 42.174 novas prazas de novo ingreso dan resposta ao diálogo cos territorios e sectores produtivos ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia

O catálogo de titulacións encádrase nas necesidades expresadas por centros e asociacións e na meirande parte das familias a oferta medra máis dun 10%

Anima a todos os interesados en solicitar praza a partir do 23 de xuño e cursar unhas ensinanzas cunha alta inserción laboral de entre o 85% e 100%

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago, onde informou da nova oferta de ciclos, másteres e programas de Formación Profesional para o vindeiro curso, unhas ensinanzas cunha alta inserción laboral, do 85% en réxime ordinario e de case o 100% na FP Dual, como recordou.

O titular do departamento educativo do Goberno galego, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou que as 42.174 prazas de novo ingreso que se van ofertar dan resposta ás necesidades de todos os territorios e sectores produtivos cun importante aumento da oferta na meirande parte das familias profesionais. “Na FP galega, en total, están presentes 25 familias profesionais e a oferta do vindeiro curso contempla un incremento no número de titulacións en 22 delas”, explicou antes de engadir que, ademais, en 15 familias as prazas medran máis dun 10%.

Neste senso, en función das diferentes reunións mantidas cos sectores profesionais ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia, prodúcense incrementos significativos nas prazas ofrecidas nas familias profesionais de Industrias extractivas (+221%), Enerxía e auga (+37%), Agraria (+22%), Marítimo-pesqueira (+19%), Informática e comunicacións (+19%), Imaxe e son (+18%), Edificación e obra civil (+17,5%) e Instalación e mantemento (+15%). A variación do número de prazas por familias profesionais é a seguinte:

Familia profesional

Curso 2023/24

Incremento
Actividades físicas e deportivas
770
+4,05%
Administración e xestión
5834
+9,29%
Agraria
1382
+22,08%
Artes gráficas
590
+3,87%
Comercio e marketing
2834
+14,14%
Edificación e obra civil
738
+17,52%
Electricidade e electrónica
4128
+13,97%
Enerxía e auga
412
+37,33%
Fabricación mecánica
1822
+7,62%
Hostalaría e turismo
2714
+8,60%
Imaxe e son
792
+18,21%
Imaxe persoal
1288
+5,31%
Industrias alimentarias
834
+13,16%
Industrias extractivas
45
+221,43%
Informática e comunicacións
4994
+18,79%
Instalación e mantemento
1653
+15,35%
Madeira, moble e cortiza
789

-          

Marítimo-pesqueira
454
+19,16%
Química
542
+10,16%
Sanidade
3697
+11,46%
Seguridade e medio ambiente
212

-          

Servizos socioculturais e á comunidade
2738
+6,12%
Téxtil, confección e pel
344
+12,79%
Transporte e mantemento de vehículos
2550
+11,74%
Vidro e cerámica
18

-          

Total
42174
+12%

No caso das diferentes áreas de Galicia, o incremento da oferta deriva tamén das diferentes reunións mantidas ao abeiro do Plan Conecta FP e é o que se reflicte na seguinte táboa:

Áreas Plan Conecta FP Galicia

Curso 23/24
Incremento
A Coruña
17.656
+ 12,27%
Área de A Coruña
8.413
+ 10,03%
Área de Ferrol
3.650
+ 14,53%
Área de Santiago
4.434
+ 17,68%
Barbanza - Muros - Noia
1.159
+ 2,93%
Lugo
5.506
+ 9,01%
A Mariña
1.267
+ 4,19%
Área de Lugo
3.412
+ 11,69%
Lemos - Chantada - Quiroga
827
+ 6,03%
Ourense
4.390
+ 11,56%
Área de Ourense
3.608
+ 10,64%
Valdeorras - Trives - Caldelas - Viana
409
+ 5,68%
Verín - Limia - Baixa Limia
373
+ 29,97%
Pontevedra
14.622
+ 12,94%
Área de Pontevedra
2.480
+ 14,34%
Área de Vigo
10.060
+ 12,64%
Deza - Tabeirós - Terra de Montes
677
+ 7,63%
O Salnés
1.405
+ 15,35%
Total
42.174
+12%
 

Oferta presencial maioritaria

As 42.174 prazas de novo ingreso, 4.500 delas de nova creación, supoñen un incremento do 12% respecto do curso que agora remata, con 1.482 grupos presenciais e 151 a distancia. Delas, 34.704 son presenciais e outras 7.470 son a distancia. En total, o catálogo está conformado por 182 titulacións diferentes entre ciclos, másteres de FP ou programas formativos para persoas con necesidades educativas especiais, o que lle confire á oferta unha gran versatilidade, variedade de acceso e potencialidade.

Os encontros sectoriais e territoriais do Plan Conecta FP Galicia e o contacto directo cos centros educativos foi a principal vía para elaborar a oferta, atendendo ás necesidades manifestadas tanto polos máis de 300 centros integrados e institutos participantes, como polas 10.000 empresas e 400 asociacións e clústeres que se implicaron no desenvolvemento destas reunións.

O titular de Educación do Executivo autonómico animou a todos os interesados a solicitar praza a partir do 23 de xuño, cando se iniciarán os trámites. Nese senso, poderán consultar toda a oferta por familias e zonas no Portal Educativo ou informarse e asesorarse nos propios centros sobre os itinerarios e posibilidades existentes.

Alta especialización

Segundo explicou Román Rodríguez, froito deste diálogo, implántase por primeira vez en Galicia nove titulacións. Por exemplo, en Santiago, o Instituto As Fontiñas vai ofertar o novo ciclo de Escavacións e sondaxes na modalidade dual. A maiores, tres ciclos adquiren unha nova dimensión ao enriquecerse o seu currículo con alta especialización en sectores de moita relevancia para a nosa economía como a Cociña agroecolóxica ou a Automoción, neste caso con especialización en vehículos de competición e industriais.

A este respecto o conselleiro salientou que a Xunta elaborou unha oferta centrada en cubrir todas as necesidades existentes nos territorios, con medidas dirixidas a aumentar o número de prazas no rural, que medra dun 10% ata as 6.842, a incrementar o número de sectores, co crecemento en case todas as familias, e a fomentar a integración e os programas formativos básicos para o alumnado con necesidades educativas especiais, que incrementan nun 17% as súas prazas para o vindeiro curso.

Román Rodríguez destacou tamén un forte incremento na oferta de másteres, as ensinanzas máis especializadas da FP que se realizan ao remate dos ciclos e supoñen un valor engadido na formación dos titulados, especialmente en áreas punteiras como as redes 5G, os vehículos híbridos, a ciberseguridade ou a robótica. As prazas medran nun 55%, ata as 1.082, que se impartirá en 52 grupos distintos por toda a xeografía galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2023