A Xunta promove o intercambio cultural e lingüístico entre alumnos galegos e galos a través do programa Edufrance

Amplía esta iniciativa, na que poderán participar ata 300 alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º Bacharelato de 20 centros públicos galegos

A Consellería de Educación acaba tamén de publicar a convocatoria para que os centros que o desexen impartan a dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2023 Ata 300 alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º Bacharelato de 20 centros públicos galegos poderán participar nun intercambio cultural e lingüístico con alumnado de centros educativos franceses das rexións académicas Hauts-de-France e Bretagne, ambas no país galo, a través do programa EduFrance.

Deste xeito o goberno galego amplía as experiencias previas neste eido, dado que nesta ocasión poder participar tamén estudantes de 1º de Bacharelato, mentres que o ano anterior só participaban nos intercambios con Francia os de ESO. Ademais, increméntase a dotación orzamentaria e, polo tanto, o número de alumnos que poden participar e ábrese a posibilidade de que os centros escollan o tipo de centro e a rexión académica coa que queren facer o intercambio.

O obxectivo desta iniciativa da Xunta é continuar coas accións de mellora enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que aposta decididamente por unha educación intercultural e multilingüe.

Durante o período de intercambio, o alumnado galego participante –entre 10 e 15 escolares por cada centro–deberá asistir ás clases no lycée ou collège que lle fose asignado pola Région Académique correspondente e aloxarase na casa dunha familia francesa, e viceversa no caso da estancia dos estudantes franceses en Galicia. A estancia do alumnado galego en Francia terá unha duración dun máximo de 10 días naturais e poderá desenvolverse en calquera momento do curso 2023/2024.

Desta forma promóvese a convivencia escolar, lingüística e cultural entre Galicia e estas dúas rexións francesas, tendo en conta o enorme interese que o ensino da lingua, a literatura e a cultura, tanto galegas como españolas, suscitan na rexión francesa, así como a afección pola lingua e a cultura do país veciño no sistema educativo da nosa Comunidade.

Os centros interesados en participar neste programa deberán solicitalo a través do Portal Educativo. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 20 de xuño.

Gastos de viaxe cubertos

O orzamento total da convocatoria ascende a 110.000€. Os centros participantes nestes programas reciben unha asignación económica de 300 € por alumno participante no intercambio, en concepto de gastos de xestión e desenvolvemento da actividade, e a cantidade de 1.000€ para o profesorado participante no mesmo. O importe concedido a cada centro deberá ser destinado a sufragar gastos de transporte, aloxamento e seguro de viaxe e deberán ser debidamente xustificados e imputables á participación neste programa.

As persoas coordinadoras do programa en cada centro serán as responsables da actividade de intercambio, tanto no aspecto organizativo como educativo, durante a estancia do alumnado francés en Galicia e a do alumnado galego en Francia. As datas das mobilidades do alumnado a Francia e a Galicia serán concretadas polas persoas coordinadoras de cada centro.

Bacharelato francés

Por outra banda, e tamén coa vontade de seguir promovendo a cooperación en materia educativa con Francia, a Consellería de Educación vén de publicar a convocatoria para que os centros que o desexen impartan a dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat (ou BachiBac, o Bacharelato francés) no curso 2023-2024.

O alumnado acollido a este programa deberá recibir, polo menos, un terzo do horario lectivo en lingua francesa no conxunto da etapa co fin de acadar o nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Poderanse impartir materias non lingüísticas en francés e ocuparase polo menos unha hora lectiva á semana nas de Lingua e Literatura francesas e de Historia de España e Francia. Ao final do segundo curso, o alumnado que desexe obter a dobre titulación realizará unha proba externa sobre as materias específicas do currículo mixto correspondentes a este curso.

Os centros interesados en incorporar estas ensinanzas deberán solicitalo á Consellería ata o 9 de xullo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2023