A Xunta pon en valor o Bono Activa Rural do programa Leader como forma de fomentar o emprego no rural

Inés Santé explicou esta e outras novidades do novo Programa Leader 2023-2027, salientando que para este novo período os grupos de desenvolvemento rural contaron cunha axuda de 35.000 euros cada un para a elaboración da súa estratexia
 

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias aclarou a modificación levada a cabo pola Xunta na orde de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios
 

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, deu conta da aposta do Goberno galego polas frondosas autóctonas en xeral e polo castiñeiro en particular
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, puxo en valor esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento o Bono Activa Rural do programa Leader, unha nova forma de fomentar o emprego no rural. Así, explicou que se trata dunha novidade destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais.

Desta forma, os grupos de desenvolvemento rural poderán recoller nas súas respectivas estratexias a posibilidade de conceder este bono, que consiste nunha axuda de ata 18.000 euros en dúas anualidades, coa obriga de manter a actividade durante polos menos cinco anos e o cumprimento do plan empresarial presentado.

Ademais desta novidade, a directora xeral explicou que o novo programa Leader 2023-2027 contempla outras iniciativas, tales como novas posibilidades de axudas en proxectos do ámbito agrario, en iniciativas de transformación e comercialización de produtos agrarios e todos aqueles investimentos que estean vinculados aos instrumentos de mobilización ou recuperación de terras. En concreto, poderán beneficiarse actuacións de mellora da biodiversidade e a conectividade ecolóxica e pequenos proxectos de actividades agrarias que non sexan susceptibles doutras axudas.
 
Neste senso, Santé sinalou que esta novidade permitirá financiar proxectos orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo. Así mesmo, tamén se inclúen aquelas iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.
 
Durante a súa intervención, a directora xeral lembrou que Galicia foi das primeiras comunidades autónomas en poñer en marcha o proceso de selección dos novos grupos de desenvolvemento rural para este novo período do Leader, dándolles máis tempo a estas entidades para a elaboración das súas estratexias, co obxectivo de que gañaran en calidade e co maior grao posible de participación da poboación.
 
Así mesmo, Santé sinalou que os 24 grupos de desenvolvemento rural dispuxeron do triplo de orzamento que tiveron no período anterior para elaborar as súas estratexias, dotándoos a cada un dunha subvención de 35.000 euros para tal fin, é dicir, un orzamento conxunto de 840.000 euros fronte aos 320.000 euros do ano 2016. “Buscamos estratexias de desenvolvemento local ambiciosas e de gran calidade que puideran ofrecer unha resposta axeitada ás necesidades dos respectivos territorios rurais de Galicia”, salientou.
 
Para iso, conseguiuse unha coordinación entre as 24 estratexias e as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, mediante un convenio subscrito coa Asociación de grupos de desenvolvemento rural de Galicia. Desta forma, a USC prestou a súa experiencia en estudos relacionados coa ordenación e planificación sostible de terras, mentres que a UVigo aportou ideas relacionadas coa economía e gobernanza pública, economía circular e negocios familiares.
 

Modificación da orde de axudas de transformación

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, aclarou a modificación levada a cabo pola Xunta na orde de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios. Neste senso, sinalou que dito cambio buscou non prexudicar os beneficiarios facéndolles perder axudas cun importe ata dez veces superior ás sancións que se lles poderían impoñer.  

O director xeral aclarou que, nun primeiro momento, a Consellería incluíu na convocatoria destas achegas o condicionante de non podelas recibir no caso de estar afectados os solicitantes por sancións graves ou moi graves, en base ao previsto na Lei da cadea alimentaria. Porén, analizadas polo miúdo estas sancións, advertiuse que dentro das de carácter grave se impoñían de xeito maioritario as máis baixas e que procedía a modificación da orde de achegas pola falla de proporcionalidade. Así, na maioría dos casos -o 77 %- a sanción situouse entre 1.800 e 3.001 euros, mentres que o 84 % dos beneficiarios das axudas de comercialización nas dúas últimas convocatorias de 2020 e 2022 percibiron máis de 30.000 euros e a metade deles máis de 100.000 euros. 

Polo tanto, incidiu Balseiros, constatouse a desproporción que suporía o mantemento deste requisito na regulación das axudas, xa que constituiría unha penalización excesiva e carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida.

Aposta polas frondosas autóctonas

Pola súa parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, deu conta da aposta do Goberno galego polas frondosas autóctonas en xeral e polo castiñeiro en particular. Ademais, matizou que a relación mantida nestes últimos anos co Centro de desenvolvemento agroforestal de Riós -xestionado polo Concello de Riós entre os anos 2016 e 2022- foi exclusivamente para o apoio e desenvolvemento de diferentes liñas de fomento e de xestión do castiñeiro, así como doutras frondosas en xeral. 

Así, a Consellería do Medio Rural destinou desde o ano 2020 un total de 5,36 millóns de euros no control de enfermidades e pragas do castiñeiro nas provincias de Lugo e Ourense, centrándose nos tratamentos contra o cancro e a avespiña do castiñeiro.  

En canto ás distintas ordes de axudas, José Luis Chan explicou que son varias as que buscan impulsar a plantación de frondosas autóctonas, tales como a orde para a creación de superficies forestais coa que se investiu algo máis de un millón de euros desde o ano 2020 para traballar nunha superficie de case 500 hectáreas. Pola súa parte, a orde para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración de soutos tradicionais supera os 3,5 millóns de euros na presente convocatoria para actuar en case 600 hectáreas de superficie.  

No tocante á investigación, o director xeral sinalou que nos últimos cinco anos reforzouse o programa de mellora xenética do castiñeiro centrándose na conservación e mellora dos xenotipos de castiñeiro para madeira, conseguindo novos híbridos con maior resistencia a diversas enfermidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2023