A Xunta publica a resolución da convocatoria de estadías en familia nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño

Este ano ofertáronse un total de 2760 prazas para ofrecer ás familias galegas máis opcións para desfrutar do verán

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, publicou hoxe a resolución das solicitudes admitidas na convocatoria de estadías en familia nas Residencias de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán, e do Carballiño.

Este ano ofertáronse un total de 2760 prazas para achegarlles ás familias galegas máis posibilidades nesta campaña estival, distribuídas do seguinte xeito: 1320 prazas no centro de Paxón e 1440 no do Carballiño. Ademais, nesta convocatoria ampliáronse as quendas ata finais de setembro, para aquelas familias con fillos maiores ou sen fillos que tamén queiran desfrutar das súas vacacións nestas residencias.
 
As familias admitidas desfrutarán de aloxamento e pensión completa na residencia concedida. Ao igual que en convocatorias anteriores, as familias de especial consideración como as numerosas, as monoparentais, as acolledoras ou as vítimas de violencia machista tiveron prioridade no acceso a unha destas prazas.

Data de actualización: 16/06/2023