A Xunta apoia en Ponteceso a incorporación das técnicas da elaboración de redes no deseño de complementos para mascotas

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, e mais a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Corme o desenvolvemento dun curso de formación para redeiras

A iniciativa enmárcase no proxecto Enredadas, un exemplo de diversificación deste oficio tradicional en Galicia que está abrindo novas oportunidades noutros ámbitos de actividade como a moda e a decoración

Ponteceso (A Coruña), 16 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia continúa a impulsar a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas a través do proxecto Enredadas, impulsado desde o ano 2012 pola Consellería de Economía, Industria e Innovación e mais da Consellería do Mar. Así, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Corme (Ponteceso) o desenvolvemento do curso Integrando a artesanía no sector mascotas, que se está a celebrar desde finais de maio e remata hoxe.

Esta actividade formativa, na que participan oito redeiras artesás, está impartida por Rosana Agrelo e Sara Prieto, e ten como obxectivo a creación dunha colección cápsula de colares e correas para cans, que se distribuirá na tenda en liña de The Painter´s Wife e estará apoiada por unha campaña de comunicación que poñerá en valor o traballo artesanal e o colectivo das redeiras galegas.

O proxecto Enredadas constitúe un exemplo de diversificación do oficio tradicional das redeiras en Galicia que está abrindo novas oportunidades para estas artesás a través doutros ámbitos de actividade como a moda, os complementos e a decoración. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas teñen a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional.

Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, así como apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2023