A policía autonómica esclarece dous incendios forestais nos concellos coruñeses de Rois e Dodro

O lume en Rois afectou 400 metros de terreo e debeuse a unha neglixencia na realización dunha queima

En Dodro houbo 500 metros de terreo afectado a causa do lanzamento de material pirotécnico

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago, en colaboración con axentes ambientais da Consellería do Medio Rural, veñen de esclarecer dous incendios forestais rexistrados o pasado 5 de xuño, un deles no concello de Rois e outro no de Dodro.

O lume de Rois, rexistrado na parroquia de Formarís, afectou 400 metros de terreo. Na inspección ocular feita polos axentes observáronse restos dunha queima forestal realizada de xeito neglixente, polo que se identificou e tomou declaración á persoa presunta autora. 

No caso de Dodro, o incendio produciuse na parroquia de Laíño e afectou 500 metros de terreo. No lugar atopáronse restos de material pirotécnico e identificouse e tomóuselle declaración á persoa presunta autora do lanzamento.

En ambos casos, a Policía Autonómica remitiu as dilixencias polos feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Padrón.

Na actual campaña a Policía Autonómica leva investigadas 11 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Data de actualización: 16/06/2023