A Xunta impulsa unha nova campaña subacuática no pecio do Galeón San Giacomo di Galizia en Ribadeo

A intervención promovida pola Consellería de Cultura conta coa participación de investigadores da Universidade Nova de Lisboa e da Universidade de Southampton

Tamén colabora a Unidade de Buceo da Armada de Ferrol (UBUFER) e do Grupo Operativo de actividades subacuáticas da Unidade de Policía Nacional

O equipo técnico, liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio, centrarase en continuar nos traballos na parte central do buque e sondear o perfil transversal de babor da embarcación
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia pon en marcha unha nova campaña arqueolóxica no pecio do Galeón San Giacomo di Galizia, en Ribadeo, para dar continuidade aos estudos iniciados en 2018 e avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI en colaboración co Concello e o Náutico de Ribadeo.  

O obxectivo da campaña que durará ata finais de mes actual é continuar nos traballos na parte central do buque e sondear o perfil transversal de babor da embarcación. Ademais, continuarase coa monitorización da avaliación do pecio, actualmente cuberto de área aportada pola dinámica costeira. O proxecto complétase coa documentación do estado das pezas que constitúen a estrutura do pecio e o avance nos traballos de rexistro e documentación dos restos visíbeis.  

Este traballo, promovido e financiado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, conta coa colaboración de investigadores da Universidade Nova de Lisboa, da Universidade de Southampton, da Unidade de Buceo da Armada de Ferrol (UBUFER) e do Grupo Operativo de actividades subacuáticas da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, todo o equipo técnico estará liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio. 

Grupo internacional de especialistas

O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados até o momento da súa época e, estes últimos anos, está a achegar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia impulsou cun investimento total de case 60.000€ campañas arqueolóxicas nos anos 2018, 2019 e 2020 coa colaboración dun equipo internacional entre os que, ademais de especialistas da Unidade de Buceo da Armada Española e do Instituto of Nautical Archeology de Texas, destacan expertos do CSIC, da University of Wales Trinity Saint David, do Maritime Archaelogy ou doutras institucións como a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, a Real Liga Naval Española ou o Real Club Náutico de Ribadeo.

O avance destas últimas campañas permitiron constatar que se conserva preto dun 20% da estrutura da cuberta ao longo da eslora no costado de babor, localizar unha cureña naval, un elemento novidoso en España que consiste nun tipo de carro para montar as pezas de artillería, e rescatar unha gran cantidade de munición de pedra e ferro, menaxe e elementos de cerámica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023