A Xunta colabora no obradoiro creativo Design Thinking Extreme para formar a estudantado universitario no deseño de actividades didácticas

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023 A Xunta colabora na actividade gratuíta Design Thinking Extreme, unha xornada enmarcada no proxecto HEI4Future impulsado pola Unión Europea que se desenvolverá no arquipélago de Ons, no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

O obxectivo da xornada, para a que non se require ningunha preparación previa por parte das persoas participantes, é formar a estudantes universitarios en técnicas e estratexias para a organización de actividades didácticas innovadoras, as cales tamén van dirixidas ao alumnado.

O obradoiro terá lugar entre o 21 e o 22 de xuño. O primeiro día do curso, as persoas inscritas viaxarán a Vigo á illa de Ons, onde prepararán equipos de traballo e realizarán as actividades previstas no programa, como a realización de entrevistas empáticas e coloquios para o intercambio de ideas e impresións.

Na segunda xornada, o alumnado participante reunirase no Centro de Visitantes Cambón, sede central do parque, onde poderán poñer en común o aprendido o día anterior a través de tres obradoiros: Definición, Ideación e Prototipado. Por último, terán a oportunidade de intervir nun pequeno evento para presentar o seu proxecto ou proposta co fin de elixir a máis orixinal.

En total, ofértanse ata 35 prazas, e as persoas interesadas poderán inscribirse ata cubrirse o aforo por medio dun formulario na páxina web da Universidade de Vigo.

Data de actualización: 15/06/2023