Rueda resalta que Galicia contará o vindeiro curso coa maior oferta de FP da súa historia, con 42.174 novas prazas de novo ingreso, un 12% máis

Destaca que supón a creación de “4.500 prazas” para cursar 182 titulacións diferentes de FP

Anuncia que a comunidade incorpora “nove títulos” e outros tres enriquecen o seu currículum para ofrecer unha formación máis especializada

Asegura que a nova oferta obedece ás necesidades que existen nos territorios e sectores e que se detectaron a través dos encontros realizados ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia

O prazo de presentación de solicitudes comeza o 23 de xuño

Impúlsase a oferta no rural galego, cun 10% máis, á par que se favorece a flexibilidade a través da modalidade a distancia

Promóvese a igualdade de oportunidades con máis oferta para alumnado con necesidades educativas especiais
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai contar o vindeiro curso 2023-2024 “coa oferta máis alta e numerosa de Formación Profesional” da súa historia ao contar con 42.174 prazas de novo ingreso, un 12% máis respecto ao ano académico que remata. “Créanse 4.500 novas prazas, o que supón que a oferta medra en todas as áreas e todos os sectores”, indicou Rueda.

Rueda explicou que esta oferta foi deseñada a través do Plan Conecta FP Galicia que busca coñecer as necesidades do tecido produtivo galego “e adaptar a oferta formativa ás demandas actuais das empresas”. Para iso, nos últimos meses realizáronse diferentes encontros sectoriais e territoriais nos que participaron máis de 10.000 empresas, 400 asociacións e clústeres e máis de 300 centros educativos expresaron as necesidades de cualificación de traballadores dos diferentes sectores socioprodutivos e áreas.

Rueda lembrou que a Xunta leva anos “apostando por impulsar” estas ensinanzas que xa contan con máis de 60.000 matriculados -un 75% máis que no curso 2008-2009- e que teñen unha alta taxa de inserción laboral: do 85% no caso da FP ordinaria e do 100% na FP Dual.

Do total de 42.174 novas prazas para o vindeiro ano académico, 34.704 son presenciais e outras 7.470 son a distancia. Haberá 1.482 grupos presenciais e só 151 a distancia.

Para reforzar esta formación, o presidente salientou que Galicia contará con 182 titulacións de Formación Profesional no vindeiro curso. Dentro deles,  hai nove títulos que se implantan por primeira vez en Galicia. Ademais, outros tres adquiren unha nova dimensión ao enriquecerse o seu currículo con alta especialización, constituíndo tamén títulos renovados. A través da FP Dual implántanse estas tres ensinanzas que, partindo, dun ciclo formativo xa ofertado constitúense como novas posibilidades de estudos de FP demandas polas empresas.

As titulacións de nova oferta implantaranse en 16 centros educativos, sempre en relación coas familias profesionais que imparten e coa súa contorna:

Centro/s
Titulación de nova implantación
CIFP Portovello, Ourense (modalidade Dual)
Ciclo superior Formación para a mobilidade segura e sustentable
CIFP Fontecarmoa, Vilagarcía (modalidade Dual)
CIFP Fontecarmoa, Vilagarcía modalidade Dual)
Ciclo superior Electromedicina clínica
IES de Teis, Vigo
Ciclo superior Caracterización e maquillaxe profesional
IES As Fontiñas, Santiago de Compostela (modalidade Dual)
Ciclo medio Escavacións e sondaxes
CIFP Montecelo, Pontevedra (modalidade Dual)
Ciclo medio Postimpresión e acabamentos gráficos
IES Politécnico de Vigo (modalidade Dual)
Máster FP Robótica colaborativa
IES Manuel Chamoso Lamas, Carballiño (modalidade Dual)
CIFP Politécnico de Lugo
CIFP Universidade Laboral, Culleredo
CIFP Ferrolterra, Ferrol
CIFP Fontecarmoa, Vilagarcía
IES Francisco Daviña Rey, Monforte de Lemos

Máster FP Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviarias (Monforte de Lemos)

CIFP Valentín Paz Andrade, Vigo.
Máster FP Auditoría enerxética
CEE Nosa Señora do Rosario, A Coruña

Programa formativo adaptado a alumnado con necesidades educativas especiais en Estética.

Centro
Titulación de alta especialización
CIFP As Mercedes, Lugo
Ciclo superior Dual Automoción especializado en vehículos de competición
CIFP Someso, A Coruña
Ciclo superior Dual Automoción especializado en vehículos industriais
CIFP Vilamarín, Vilamarín
Ciclo superior Dual Cocina agroecolóxica

Ademais, o Plan Conecta FP Galicia evidenciou a necesidade de seguir deseñando ofertas formativas adaptadas ás necesidades das empresa. En ocasións isto pasa por engadir formación doutros ciclos formativos á que xa está incluída nun título de FP, por exemplo combinando o ciclo superior en Patronaxe e moda con oferta parcial do de Vestiario á medida e de espectáculos ou o grao medio en Carpintaría e moble con oferta parcial do grao superior en Deseño e amoblamento, entre outros.

A FP Dual como prioridade

O Plan Conecta FP Galicia vén a consolidar a FP Dual como vía prioritaria de formación e, no seu marco, a oferta do vindeiro curso potencia esta modalidade. En concreto, o crecemento da FP Dual permite incorporar na provincia de Lugo as familias profesionais de Imaxe e son (ciclo de grao medio de Son para audiovisuais e espectáculos no IES Sanxillao) e de Marítimo pesqueira (ciclo de grao medio en Navegación e pesca de litoral no IES María Sarmiento de Viveiro). Tamén incorpora a familia de industrias extractivas na provincia da Coruña (ciclo de grao medio de Escavacións e sondaxes no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela).

Cómpre lembrar que a FP Dual permite deseñar plans de formación específicos, a medida das necesidades das empresas. “Os titulados nesta modalidade acadan case o 100% da inserción laboral”, resaltou o presidente.

Máis másteres

As ensinanzas máis especializadas da FP galega son os másteres, que se realizan ao remate dos ciclos e supoñen un valor engadido na formación dos titulados, especialmente en áreas punteiras como as redes 5G, os vehículos híbridos, a ciberseguridade ou a robótica.

Para continuar impulsando esta vía, Rueda salientou que “aumentan un 55% as prazas de novo ingreso ata as 1.082”, que se impartirá en 52 grupos distintos por toda a xeografía galega. Serán en total 20 titulacións de especialista (acceso desde grao medio) e máster FP (acceso desde grao superior). Deles, tres serán novos, en concreto os másteres en Auditoría enerxética (no CIFP Valentín Paz Andrade, Vigo), en Robótica colaborativa (CIFP Ferrolterra, en Ferrol; CIFP Universidade Laboral, en Culleredo, CIFP Politécnico de Lugo e CIFP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa) e en Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviarias (IES Francisco Daviña Rey, Monforte de Lemos).

Flexibilidade: a FP a distancia

O impulso da modalidade a distancia permite achegar a formación a un maior número de persoas, tamén no ámbito rural, así como que máis persoal das empresas poidan actualizar a súa formación e as súas competencias profesionais. Ademais, permite conciliar a vida laboral e persoal da poboación en xeral.

Co obxectivo de facilitar o acceso á FP e flexibilizar o seu estudo, “increméntanse nun 74% as prazas nestas modalidade”, ata un total de 7.470. Ademais, por primeira vez haberá catro grupos de másteres de FP nesta modalidade, un total de 120 prazas. Será nos másteres de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación (CIFP Politécnico de Santiago), Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de información (IES San Clemente, Santiago de Compostela), e dous grupos no de Intelixencia artificial e big data (un no IES San Clemente e outro no IES de Teis, en Vigo).

Impulso ao rural

A adecuación da oferta formativa ás necesidades e profesións do rural constitúese como unha magnifica oportunidade para fixar a poboación no territorio. En total ofértanse cerca de 6.842 prazas no rural, un 9,35% máis que no curso pasado.

O Plan Conecta FP Galicia permitiu detectar as necesidades de formación do territorio rural e estreitou as relacións de confianza entre a administración educativa e as empresas, ampliando os ciclos formativos e cursos de especialización na modalidade Dual. Son os casos da ofera en Mecatrónica industrial (en Vilalba e As Pontes), Produción agroecolóxica e Paisaxismo e medio rural (en Arzúa) ou Gandaría e asistencia en sanidade animal (en Melide e Xinzo de Limia), entre outros.

Ademais, préstase especial atención ao impulso da oferta de ciclos de FP Básica no ámbito rural como ferramenta de loita contra o abandono escolar temperá e para favorecer a inserción laboral. En concreto, amplíase o número de prazas de FP Básica preto do 3%.

Atención ás necesidades educativas especiais

A FP e un instrumento de especial relevancia para que o alumnado con necesidades educativas especiais poida conseguir a súa incorporación ao mercado laboral ou a súa continuidade no sistema educativo. A mellora da oferta de programas formativos favorece a igualdade de oportunidades para todo o alumnado, polo que a Xunta incrementa nun 17% as prazas para o vindeiro curso, ata un total de 630, que se poderán cursar en 12 centros distintos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023