O Goberno galego declara a iniciativa de Ence nas Pontes como proxecto industrial estratéxico

Rueda resalta que planta para producir pasta reciclada branqueada “é un proceso innovador” que vai realizarse en Galicia de “forma pioneira a nivel mundial”

Asegura que esta declaración, que reduce á metade os prazos dalgúns trámites, vai dar garantías aos proxectos que opten por instalarse nesta comarca, unha das zonas máis afectadas pola transición enerxética do Goberno central

A fábrica de Ence suporá un investimento de 125 millóns de euros e prevese obter unha produción de 100.000 toneladas ao ano de pasta reciclada e permitirá crear 120 empregos directos

Este proxecto súmase á planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables, a fábrica de pneumáticos de Sentury -ambas as dúas tamén nas Pontes-, a planta de metanol verde de Forestal del Atlántico en Mugardos e a de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei que tamén contan con esta declaración
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou esta mañá  a declaración da planta que promove Ence nas Pontes como proxecto industrial estratéxico. Resaltou que se trata dun “proceso innovador” para producir pasta reciclada branqueada a partir de papel reciclado “que vai ser pioneiro a nivel mundial”.

O titular do Goberno galego salientou que con este xa son cinco os proxectos industriais que obteñen esta declaración e destacou que tres sexan na comarca das Pontes, “que forma parte da chamada área de transición xusta”, ao ser unha das zonas “que recibiron os impactos negativos da transición enerxética”.

No caso da fábrica de Ence, Rueda explicou que a nova planta terá unha capacidade de tratamento de 160.000 toneladas ao ano de papel reciclado, o que permitirá obter unha  produción de 100.000 toneladas anuais de pasta reciclada cun alto grao de brancura, cuxo destino será principalmente a fabricación de papel tisú. Ademais, a instalación contará cunha caldeira de biomasa de aproximadamente 20MW para subministrar as necesidades de vapor do proceso. O proxecto supón un investimento de 125 millóns de euros “e prevese a creación de 120 empregos directos”, dando prioridade á contratación de traballadores locais.

Trátase dun proceso novidoso, pois non só recupera pasta a partir de papel reciclado, senón que tamén a branquea, algo que a día de hoxe non se está a realizar. Actualmente, existe un descenso da oferta de pasta branqueda fabricada a partir de papelote branco dado que, ao decaer o mercado da impresión e a escritura, tamén diminúe a dispoñibilidade deste tipo de papelote. Por outro lado, o consumo de papel marrón aumenta polo crecemento do sector das embalaxes. Este proxecto de Ence permitirá cubrir o desequilibrio actual entre a oferta e a demanda.

A declaración como proxecto industrial estratéxico enmárcase na filosofía da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia que busca a captación de investimentos. Permitirá a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos-, mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.

A planta conta con todos os requisitos para ser proxecto industrial estratéxico, xa que supera o investimento mínimo de 20M€ -o investimento previsto é de 125M€- e a creación mínima de 100 postos de traballo -cóntase con xerar 120 empregos-. Ademais cumpre co requisito de que as iniciativas deben complementar cadeas de valor, pertencer a sectores estratéxicos ou que estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou integrarse no financiamento dos fondos Next Generation.

A iniciativa súmase á declaración tamén como proxecto industrial estratéxico de H2Pole, o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; á de Sentury Tire para implantar unha fábrica de pneumáticos tamén neste concello da provincia coruñesa; á planta de metanol verde en Mugardos de Forestal del Atlántico; así como a de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei. As cinco iniciativas suporán unha mobilización global de 1788 millóns de euros, segundo as previsións dos promotores dos proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023