A Xunta destina 3,3 M€ á urbanización residencial de Pedralonga para acoller aos afectados polas expropiacións do novo hospital público da Coruña

A proposta, recollida no Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, reserva chan para 17 vivendas unifamiliares, zonas verdes, área comercial, aparcadoiros e un novo viario residencial con preferencia para peóns e ciclistas

Prevense espazos para compensar á gardería infantil e ao hostal afectados pola construción do novo complexo hospitalario

Incluiranse actuacións de preservación do patrimonio histórico e cultural, así como de integración paisaxística que contribuirán a mellorar o trazado do Camiño Inglés a Santiago ampliando o itinerario peonil na avenida de Pedralonga-Monserrat

O instrumento de ordenación urbanística para a construción do Novo CHUAC está en información pública e inclúe tamén as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade e o novo edificio hospitalario nas Xubias

O Novo CHUAC, cun investimento da Xunta de máis de 500 M€, atenderá máis de 550.000 pacientes da área sanitaria da Coruña e Cee durante as vindeiras décadas
 

Santiago de Compostela,15 de xuño de 2023

A Xunta destinará 3,3 millóns de euros á urbanización residencial da zona de Pedralonga para acoller aos particulares afectados polas expropiacións necesarias para a execución do Novo Hospital Público da Coruña.  

Trátase dunha das actuacións recollidas no Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, que ten como obxectivo favorecer a recolocación dos particulares expropiados pola ampliación do novo complexo sanitario. Deste xeito, ofrécese unha alternativa á mera compensación económica ao poñer á súa disposición parcelas edificables para facilitar que poidan dispoñer dunha nova vivenda. 

A urbanización residencial prevista en Pedralonga acada 29.076 m2 de superficie na zona situada entre a avenida de Pedralonga-Monserrat e a avenida da Pasaxe, ao sur dos edificios do Oncolóxico, nuns terreos de pendente suave e vistas cara á ría.  

Nesa zona proxéctase unha urbanización residencial na que terán cabida 17 novas vivendas, todas de tipoloxía unifamiliar illada, á que se reservan 6.888 m2 edificables. Así mesmo, contará con 2.936 m2 de zona verde, 70 m2 edificables de zona comercial, 2.599 m2 de equipamento público e 70 prazas de aparcadoiro, 34 de titularidade pública e 36 privadas. 

A zona articularase en torno a unha rúa de nova apertura concibida como un viario de tráfico moi lento e de residentes, en plataforma única compartida, co obxectivo de dar preferencia ao peón e aos ciclistas. 

Ademais da urbanización residencial, resérvanse dúas parcelas en Curamontes para compensar á gardería infantil e ao hostal que tamén se verán afectados polas expropiacións, de modo que poidan manter a súa actividade. 

Esta actuación en Pedralonga preservará o patrimonio histórico e cultural, así como a integración paisaxística.   

Para iso, inclúense medidas que contribuirán a mellorar a experiencia por parte dos peregrinos no trazado do Camiño Inglés a Santiago, ampliando o itinerario peonil na avenida de Pedralonga-Monserrat ata os 6 metros, con plantación de arborado ao longo do percorrido. Tamén se dotará o itinerario dun novo pavimento acorde aos valores para protexer, preservaranse as vistas sobre a ría e proxectarase unha urbanización de calidade, visible desde o itinerario. 

Proxecto de Interese Autonómico

O Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC atópase en proceso de información pública. As persoas que así o desexen contan cun prazo dun mes, contado desde o día 27 de maio, para presentar as súas achegas. 

Este Proxecto de Interese Autonómico é o instrumento urbanístico de ordenación do solo preciso para acometer as obras de urbanización e edificación, incluídos os accesos desde as principais vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario situado nas Xubias e este novo espazo previsto para a reubicación de vivendas afectadas.  

O proxecto contempla actuacións que teñen dous emprazamentos: o primeiro na zona de Curamontes, de 11 hectáreas de superficie, onde está situado o actual complexo e onde se realizarán as obras de renovación e ampliación e os novos accesos; e o segundo ámbito correspóndese coa urbanización residencial da zona de Pedralonga. 

En total, as obras do Novo CHUAC prevén unha dotación para as expropiacións de preto de 17 M€. 

O Novo CHUAC é un proxecto estratéxico e prioritario xa en marcha no que están a traballar, conxuntamente, as Consellerías de Sanidade e de Infraestruturas, cun investimento de máis de 500 M€ para blindar a atención sanitaria da área da Coruña e Cee nas vindeiras décadas, para dar atención a máis de 550.000 pacientes. 

Para iso multiplicarase por tres a superficie actual do hospital, pasando dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m² . 

A Xunta continúa avanzando para dotar a área da Coruña dun hospital de vangarda, un esforzo que se verá incrementado aínda máis ao facerse cargo a administración autonómica tamén o incremento do prezo das expropiacións e dos accesos que correspondería asumir o Concello, para que o hospital conte cuns accesos acordes e axeitados a este grande equipamento sanitario. 

Na actualidade están en avanzado estado de tramitación, tanto as obras de demolición do actual hotel do doente, como as de construción da torre polivalente, a primeira edificación icónica do Novo CHUAC que, en ambos os casos, tamén se prevén licitar nas vindeiras semanas. 

A Xunta tamén licitará este mes o contrato de concurso e obra dos accesos, que suporán un investimento estimado en máis de 25 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023