A Xunta convoca as axudas para financiar unidades formativas en empresas para unhas 1.000 persoas desempregadas durante este ano

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria anual destas achegas que perseguen a inserción laboral de persoas en situación de desemprego

A Xunta destina 3,1 millóns de euros a esta orde á que poden optar empresas de calquera forma xurídica ou que sexan titulares de centros de formación profesional para o emprego

O programa establece un compromiso de contratación de polo menos o 60% do alumnado por un mínimo de 6 meses, ou do 40% de se tratar de 12 meses ou máis

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiará as unidades formativas en empresas destinadas a persoas desempregadas con compromiso de contratación de polo menos o 60%, no caso de que resulten incorporadas durante 6 meses, ou do 40%, de se tratar de insercións de 12 ou máis mensualidades. 

A Xunta de Galicia destina a esta iniciativa 3,1 millóns de euros, co obxectivo de brindar máis e mellores oportunidades ás galegas e galegos e de poder adaptar a súa formación aos perfís que demanda o tecido produtivo.

Estes apoios poden ser solicitados ata o 2 de outubro por empresas de calquera forma xurídica, agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta e aquelas que sexan entidades con centros de formación inscritos no ámbito laboral.

A través da nova orde de unidades formativas, artéllanse os apoios mediante unha convocatoria anual e de concorrencia non competitiva, que flexibiliza os trámites para que a concesión de achegas se realice de xeito máis áxil e coa idea de que se poidan celebrar accións durante gran parte do ano.

O Goberno galego está a promover con esta iniciativa a mellora da empregabilidade da cidadanía e a contribuír a adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado para dar cobertura ás vacantes existentes en diferentes actividades. Grazas a estas accións, a empresa atende necesidades de persoal máis inmediatas, que poden vir determinadas pola ampliación da súa actividade ou pola apertura de novas liñas de negocio, cubrindo esa ausencia de persoal.

Estímase que poidan beneficiarse destas formacións, que deberán ter rematado como tarde o 1 de decembro de 2023, máis de 1.000 persoas na presente convocatoria.

Para accederen as accións formativas obxecto de financiamento, as persoas interesadas deberán estar inscritas como demandantes no Servizo de Emprego de Galicia e na data de incorporarse á oferta, a súa situación laboral debe reflectir esa non ocupación.

O programa insírese no Plan galego de formación para o emprego, dotado para o presente ano con máis de 125 millóns de euros, para seguir a impulsar unha formación dual e flexible, axustada ás tendencias dun mercado dinámico e competitivo.

Data de actualización: 15/06/2023