A Xunta adxudica por máis de 305.000 euros as obras para a execución dunha senda peonil na estrada LU-617 en Toiriz, no concello de Pantón

A previsión é iniciar en xullo os traballos, cun prazo de execución de 6 meses

Habilitarase un itinerario de 530 metros a ambos os lados da LU-617 cun ancho mínimo de 1,8 metros, salvo nalgunha zona puntual con vivendas, garantindo a accesibilidade

Esta intervención dará continuidade á senda xa executada, posibilitando un itinerario peonil continuo de 850 metros

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

A Xunta adxudicou por 306.678 euros as obras de construción dunha nova senda peonil na estrada LU-617, en Toiriz, no concello de Pantón.

Esta intervención, adxudicada á empresa Transformaciones Agrarias Isidro Hermanos Blanco Trigo, S.L., conta cun prazo de execución de 6 meses. A Xunta traballa coa previsión de iniciar no mes de xullo os traballos.

Habilitarase unha nova senda de 530 metros a ambos os lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Toiriz. Deste xeito, completarase o itinerario existente nesta vía autonómica, dotando a parroquia dun itinerario peonil continuo de 850 metros de lonxitude.

Para a execución da senda demoleranse, primeiro, as cunetas, soleiras existentes e demais pavimentos. Despois disporase o novo itinerario en saburra artificial e formigón bituminoso.

Nas obras contratadas prevese tamén a construción de 2 muros de contención con bloques de granito, que disporán de varandas de protección. Tamén se disporá balizamento e defensas.

A intervención completarase, ademais, coa colocación de canal de desaugue e sumidoiros, conectados a unha nova canalización para garantir a correcta recollida das augas pluviais.

Data de actualización: 15/06/2023