A Xunta concede axudas por importe de preto de medio millón de euros a 10 entidades para impulsar o coñecemento da industria forestal-madeira de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas achegas da Axencia Galega da Industria Forestal que contan cun orzamento de 492.527,15 euros

Estas axudas están destinadas a actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan este eixe estratéxico da economía galega

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, para apoiar a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia. Os beneficiarios destas achegas son 10 entidades galegas, entre as que se atopan a Universidade de Santiago, asociacións, federacións ou centros de formación, entre outros. Estas subvencións contan cun importe conxunto de 492.527,15 euros.

Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como un sector estratéxico, innovador, moderno e esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular. Así, preténdese favorecer a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados.

Con estas partidas subvenciónase a organización de máis de 45 actividades de carácter non regrado como mestrados, cursos ou pílulas formativas relacionadas co aproveitamento forestal, legalidade da madeira, uso das tecnoloxías da información e da comunicación e novas tecnoloxías dixitais, xestión empresarial, habilidades directivas, márketing ou construción en madeira. Do mesmo xeito, tamén se promoverán preto de 40 actividades de divulgación como conferencias, seminarios, charlas, campañas ou visitas a centros de formación. En todos os casos, as actividades deben estar vencelladas ao sector forestal-madeira.

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230615/AnuncioG0520-070623-0001_gl.html

Data de actualización: 15/06/2023