A serie Rapa volve mañá á emisión en Movistarplus+ cunha segunda temporada rodada en Ferrol por Portocabo co apoio da Xunta

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a delegada territorial Martina Aneiros asisten á estrea no Teatro Jofre xunto a gran parte do seu elenco, conformado por Javier Cámara, Mónica López, Evaristo Calvo, Melania Cruz ou Carlos Blanco

Ferrol, 14 de xuño de 2023

O Teatro Jofre de Ferrol acolleu esta tarde a estrea da segunda temporada de Rapa, serie de Portocabo para MovistarPlus+ que regresa mañá á emisión na plataforma tras desenvolver durante o outono pasado a súa rodaxe na cidade departamental co apoio da Xunta. Os seis capítulos que conforman esta ficción, ideada por Pepe Coira e Fran Araújo con produción a cargo da empresa coruñesa Portocabo, contaron para a súa gravación cunha contribución económica da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades de 300.000 euros procedentes do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual galego. 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acudiron ao pase especial do primeiro capítulo, ao que tamén asistiu gran parte do equipo técnico e mais o artístico, encabezado este último por Javier Cámara e Mónica López. Rapa reúne, ademais, unha nutrida representación do talento interpretativo galego, ao contar con actores e actrices como Evaristo Calvo, Melania Cruz, Iolanda Muíños, Carlos Blanco, Darío Loureiro, Chisco Amado, Adrián Ríos, Lara Boedo ou Federico Pérez no seu elenco.

Na súa intervención, Jacobo Sutil explicou que a nova entrega desta serie é un reflexo máis do gran momento que vive nos últimos anos o audiovisual galego, cuxo éxito está a ser acompañado e impulsado pola decidida aposta da Xunta por este sector estratéxico. Felicitou tamén a todo o equipo da produción polo resultado artístico e de difusión acadado xa na primeira temporada de Rapa, e por ser quen de poñer en valor unha vez máis a profesionalidade dos nosos actores e actrices e da nosa escrita audiovisual.

Trátase dunha produción que, ademais, reúne moitas características que nos demostran que Galicia, sen dúbida ningunha, posúe tamén a capacidade de produción e de xestión necesarias para se situar con solvencia empresarial e con calidade artística no novo panorama de consumo televisivo baixo demanda. Un modelo no que se desenvolve perfectamente Portocabo e que está a marcar un destino cheo de posibilidades e de proxección de futuro para a produción audiovisual”, expresou.

Inauguración da‘Menina’deRapa’

Con anterioridade á première, a delegada territorial da Xunta Martina Aneiros participou xunto ao elenco da serie na inauguración oficial da Menina de Rapa que, con obxecto da promoción desta produción audiovisual, se pintou na rúa Gabriel Vázquez Seijas. O autor do mural e alma máter do festival urbano Meninas de Canido, Eduardo Hermida, foi o encargado de explicarlles aos asistentes a composición da peza protagonizada pola menina Agustina Sarmiento, que sostén na súa man unha das fragatas que se constrúen en Ferrol, coas grúas dos estaleiros de fondo.

A segunda temporada de Rapa desenvólvese no Arsenal Militar de Ferrol. Este ambiente ríxido, tan marcado polas normas estritas de funcionamento, volverá poñer en contacto os dous protagonistas da primeira temporada: Tomás, encarnado polo actor Javier Cámara, e Maite, a quen lle dá a vida Mónica López. Os dous afanaranse por resolver cadanseu caso pendente: a desaparición dun oficial e un asasinato sen resolver que se arrastra dende 20 anos atrás.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2023