A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento

A Xunta reclama que o Goberno trate a A-6 como auténtica prioridade e destine os medios necesarios para a súa reconstrución completa con axilidade

Vázquez Mourelle reitera que reconstruír os dous viadutos de forma simultánea e pola vía de emerxencia é imprescindible para recuperar canto antes unha autovía estatal estratéxica para os intereses de Galicia

Considera que se o Goberno tivera verdadeiro interese, as obras de reconstrución non se estarían acometendo coa lentitude actual, senón que se estaría traballando incluso 24 horas e en fin de semana

Sinala que, co ritmo actual de avance, non é factible que o viaduto sentido Madrid estea rematado en 2023 nin que o de sentido A Coruña en 2024, e ve probable que Galicia non dispoña dunha reconstrución completa da A-6 ata o ano 2028

Lamenta a negativa do Goberno a atender as demandas da Xunta, dos transportistas e unánime do Parlamento galego, de actuar de forma conxunta e por emerxencia en nos dous viadutos, cando nun ano tramitou 70 obras de emerxencia por 167 M€

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023 A Xunta reclama que o Goberno central trate a A-6 como auténtica prioridade e destine os medios necesarios para a súa reconstrución completa con axilidade. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, incidiu en que reconstruír os dous viadutos da A-6 de forma simultánea e pola vía de emerxencia é imprescindible para recuperar canto antes a operatividade total desta autovía estatal, estratéxica para os intereses de Galicia. 

Indicou que esta reclamación resulta cada día máis perentoria, pois resulta obvio que non se están a cumprir os prazos fixados polo propio Ministerio de Transportes para executar as obras de reconstrución.  

Considerou que, se o Goberno central realmente tivera interese en resolver canto antes este problema, as obras de reconstrución non se estarían acometendo coa lentitude actual, senón que se estaría traballando incluso 24 horas e en fin de semana.

Lembrou que a Xunta e o sector do transporte puideron comprobar a semana pasada in situ a lentitude coa que se desenvolven as tarefas de reconstrución, con moi poucos operarios traballando e tamén moi pouca maquinaria. 

Ante este ritmo de avance, non parece factible que o viaduto en sentido Madrid estea rematado en 2023 e tampouco semella posible que o viaduto de entrada cara á Coruña poida estar rematado en 2024, de non facerse por emerxencia nin de xeito simultáneo. Neste sentido apuntou que unha previsión máis acorde coa realidade podería deixar a Galicia ata 2028 sen ter a autovía A-6 a pleno rendemento e cos cinco carrís de circulación operativos.  

Lamentou que o Goberno vaia improvisando e poñendo escusas diversas para xustificar a súa negativa a reconstruír de xeito conxunto e pola vía de emerxencia os dous viadutos, como lle vén demandando a Xunta, o sector do transporte e de forma unánime o Parlamento galego, cando nun só ano tramitou case 70 obras de emerxencia por importe de 167 M€, moitas delas menos xustificadas que a reconstrución do viaduto da A-6. 

Resaltou os prexuízos que esta situación está a supoñer para os usuarios, o sector do transporte, a seguridade viaria e a competitividade, logo de que a semana pasada se cumprise un ano do colapso do viaduto do Castro.  

Lembrou, ademais, o ano no que a circulación estivo interrompida para facer as obras de emerxencia que se estaban a realizar no viaduto que finalmente colapsou, e nas que o Ministerio de Transportes investiu 26 M€, sumando xa en total dous anos co principal acceso a Galicia por estrada cortado.

Ante esta situación, Ethel Vázquez reiterou a petición ao Goberno de España de que destine os medios necesarios e que active todos os mecanismos que ten ao seu alcance para axilizar as obras de reconstrución do que é unha arteria de comunicación esencial para Galicia, evitando que os traballos sigan a ralentí, como na actualidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2023