O presidente da Xunta participou na entrega dos IX Premios Galicia Alimentación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga)

Rueda destaca o apoio económico e normativo da Xunta ao sector agroalimentario galego e sitúao como sinónimo de excelencia

Salienta o compromiso na promoción dos produtos locais e no traballo dos consellos reguladores e entidades do sector, que suman 5,4 M€ e preto de 8 M€ en axudas respectivamente neste 2023, así como as subvencións concedidas para a transformación e comercialización de produtos agrarios, que superan os 30 M€ este ano

Lembra a estabilidade lexislativa que ofrecen instrumentos de ordenación como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, as estratexias sectoriais ou a futura Lei da calidade alimentaria

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mediodía o apoio que brinda o Goberno galego a nivel económico e normativo ao sector agroalimentario da comunidade, que situou como “sinónimo de excelencia” a nivel nacional e internacional.

Rueda, acompañado da conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na entrega dos IX Premios Galicia Alimentación que organiza o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e que nesta edición distinguiron as mellores estratexias de mercado, produtos excelentes, produtos innovadores e proxectos sectoriais.

O titular do Executivo autonómico agradeceu o papel das asociacións, empresas e entidades que conforman a industria da alimentación en Galicia e trasladou o compromiso da Xunta para facer progresar un dos sectores industriais punteiros na comunidade.

Neste sentido, lembrou que o Goberno galego destina este ano 5,4 millóns de euros para a promoción de produtos agroalimentarios galegos, que xa contan con 37 selos de calidade diferenciada e que poñen de manifesto “unha calidade da materia prima na que hai que seguir investindo”.

O presidente da Xunta incluíu neses apoios as axudas destinadas a consellos reguladores e entidades, que neste 2023 reciben preto de 8 millóns de euros, así como as subvencións para a transformación e comercialización de produtos agrarios, que suman máis de 30 millóns para este ano.

Por outra banda, Rueda resaltou o esforzo do Executivo por crear un marco normativo e unhas condicións estables para que o sector poida desenvolver a súa actividade e expandirse, “algo case máis importante que as propias axudas económicas”. Citou como exemplos a Lei da recuperación da terra agraria de Galicia, as estratexias sectoriais do leite, da carne ou do viño, e a futura Lei da calidade alimentaria.

Todas as medidas que está a aplicar a Xunta, insistiu o presidente, funcionan en consonancia co Clúster Alimentario de Galicia, “un interlocutor potente e que nos permite saber o que se pode e cando se pode facer”. “Se a todo o sector agroalimentario lle vai ben, a Galicia vaille ir ben”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2023