A Xunta presenta en Vigo o proxecto Iqual Campus, un sistema formativo especializado en igualdade de xénero laboral entre Galicia e o Norte de Portugal

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe no foro organizado pola Xunta Igualdade laboral e RSE+I: claves para a xeración de emprego transfronteirizo de calidade e contribución do proxecto Gemcat Capitaliza

Vigo, 14 de xuño de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, presentou hoxe en Vigo o proxecto Iqual Campus co que a Xunta concorre á cuarta convocatoria do programa europeo Poctep do novo período 2021-2027. A iniciativa, impulsada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, pretende ser un sistema formativo común especializado en igualdade de xénero laboral para mellorar a calidade e a cobertura dos servizos de formación existentes neste eido en Galicia e o norte de Portugal. Así o destacou hoxe a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, na súa intervención na clausura do foro organizado en Vigo pola Xunta Igualdade laboral e RSE+I: claves para a xeración de emprego transfronteirizo de calidade e contribución do proxecto Gemcat Capitaliza, orientado ao sector do automóbil.

O consorcio promotor de Iqual Campus estará liderado pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e formado por entidades galegas e do norte de Portugal con competencias relacionadas coa promoción da formación e o emprego como son, entre outros, a comunidade intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), a comunidade Intermunicipal do Vale do Cávado (CIM Cávado), a Universidade do Porto (U.Porto) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Este consorcio contará tamén ao longo do proxecto co apoio do comité directivo do Servizo Eures Transfronteirizo norte de Portugal-Galicia especializado no asesoramento para a mobilidade laboral transfronteiriza.  

Con este proxecto piloto transfronteirizo, especializado en Igualdade de xénero laboral, darase continuidade ás accións emprendidas no marco dos dous proxectos anteriores, Gemcat e Gemcat Capitaliza. Iqual Campus, polo tanto, evoluciona e continua cos resultados de dúas iniciativas anteriores relacionadas coa igualdade laboral: Gemcat (primeira convocatoria. Interreg POCTEP 2014-2020) e Gemcat Capitaliza (6ª convocatoria. Interreg POCTEP 2014-2020).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2023