O conselleiro do Medio Rural contestou dúas interpelacións no pleno do Pleno do Parlamento galego

A Xunta insiste en reclamar ao Goberno central o recoñecemento de Contaláctea e Contacarne para garantir o cumprimento da Lei da cadea alimentaria

José González lamentou que ningún destes mecanismos fora aceptado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) como fonte admisible para a acreditación dos custos de produción

Explicou que a Xunta axustou as axudas de transformación de produtos agrarios para que os beneficiarios non perderan un apoio moi superior ás sancións que se lles poderían impoñer

En relación cos incendios forestais en espazos protexidos, lembrou que a Xunta modificou no 2022 o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia para reforzar a prevención dos lumes nestas zonas
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023

A Xunta insiste en reclamar ao Goberno central o recoñecemento das ferramentas web de cálculo dos custos de produción creadas polo Goberno galego -Contaláctea e Contacarne- como medio para garantir o cumprimento efectivo da Lei da cadea alimentaria para evitar a venda a perdas, na liña da moción que se aprobou onte mesmo no seo do Parlamento galego. Así o fixo hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a unha interpelación no Pleno da Cámara, ao tempo que lamentou que ningún destes mecanismos fora aceptado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) como fonte admisible para a acreditación deses custos.

O conselleiro explicou ademais que a Xunta modificou a orde de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios “por lóxica e por xustiza”, para non prexudicar os beneficiarios facéndolles perder axudas cun importe ata dez veces superior ás sancións que se lles poderían impoñer.

O titular de Medio Rural aclarou que, nun primeiro momento, a Consellería incluíu na convocatoria destas achegas o condicionante de non podelas recibir no caso de estar afectados os solicitantes por sancións graves ou moi graves, en base ao previsto na Lei da cadea alimentaria. Porén, analizadas polo miúdo estas sancións, advertiuse que dentro das de carácter grave se impoñían de xeito maioritario as máis baixas e que procedía a modificación da orde de achegas pola falla de proporcionalidade. Así, na maioría dos casos -o 77%- a sanción situouse entre 1.800 e 3.001 euros, mentres que o 84% dos beneficiarios das axudas de comercialización nas dúas últimas convocatorias de 2020 e 2022 percibiron máis de 30.000 euros e a metade deles máis de 100.000 euros.

Polo tanto, concluíu o conselleiro, non parecería “nin lóxico nin xusto” retirarlle a un beneficiario unha axuda cunha contía tan importante por ter asumido unha sanción ata dez veces inferior. Foi por iso, engadiu González, polo que se modificou a convocatoria de cara a dirixir os esforzos da Xunta a actuar con decisión cando se produzan infraccións realmente graves.

Incendios en espazos protexidos

En resposta a outra interpelación, centrada na afectación dos incendios forestais en espazos protexidos, José González lembrou que a Xunta modificou no 2022 o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia para reforzar a prevención dos lumes nestas zonas. Deste xeito, pasaron a considerarse medidas de xestión da propia Rede Natura cuestións como o mantemento dos pasteiros existentes e a súa creación, as queimas controladas ou prescritas -sempre que non afecten a hábitats de interese comunitario nin a especies de interese para a conservación- así como o mantemento e construción de forma estratéxica e planificada de infraestruturas preventivas fronte aos incendios. Tamén se incluíron neste tipo de medidas o adecuado mantemento das redes de faixas de xestión de biomasa forestal.

Ademais, o conselleiro sinalou que o Goberno galego sempre aposta pola prevención de incendios con plans específicos e mediante a xestión do territorio. En relación con isto último, puxo en valor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, o Plan de pastos e a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais como medidas transversais a medio e longo prazo.

Nesta liña, José González reiterou ademais que a prioridade da Xunta nesta materia son sempre as persoas. Tras agradecer de novo o labor, a profesionalidade e a dedicación do Servizo de prevención e extinción de incendios, o conselleiro lembrou o contexto no que se produciron os incendios en xullo do pasado ano, facendo especial fincapé no episodio “completamente inédito” rexistrado daquela e denominado sistema convectivo de mesoescala. Rexistráronse -recordou- máis de 6.000 raios que causaron ata 52 lumes simultáneos e unha verdadeira situación de emerxencia civil en zonas de interface urbano-forestal, o que obrigou a declarar ata dez situacións 2 por afectación do lume a zonas habitadas entre o 15 e o 19 de xullo. Por iso, remarcou González, a máxima da Xunta foi -e sempre será- poñer enriba de todo o máis importante, as persoas.

A maiores, o conselleiro destacou algunhas das novidades do Pladiga 2023, como son a creación da unidade de directores de extinción para a súa intervención en lumes con elevado potencial de converterse en grandes incendios forestais, a posta en marcha de tres brigadas helitransportadas públicas que prestarán servizo durante todo o ano ou a incorporación de 15 novas motobombas e unha ducia de tractores batracios. Salientou, así mesmo, as políticas de prevención no marco do plan específico e do convenio de protección das aldeas, con 279 concellos adheridos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2023