A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia e delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinaron o convenio de colaboración

A Xunta colabora na promoción do Museo Galego do Ferrocarril cun investimento de 30.000€

O obxectivo do acordo é o mantemento do patrimonio industrial ferroviario do museo, con sede en Monforte de Lemos, promocionar as actividades de exhibición dos seus fondos e difundir os beneficios socioeconómicos e ambientais deste medio de transporte

O convenio estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro e financiará as actividades realizadas desde o 1 de xaneiro deste ano
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia e delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinaron o convenio de colaboración para promocionar o Museo Galego do Ferrocarril, con sede en Monforte de Lemos, cun investimento autonómico de 30.000 €. 

O convenio, que foi asinado de xeito telemático, estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro e inclúe a financiación de todas as actividades realizadas desde o 1 de xaneiro deste ano. 

O obxectivo do convenio é apoiar o mantemento do Museo Galego do Ferrocarril, que alberga un importante patrimonio industrial ferroviario, e a promoción das actividades de exhibición dos seus fondos materiais.  

Ademais promoveranse actividades de divulgación do patrimonio que alberga o museo entre a sociedade, xunto co fomento do ferrocarril como modo de transporte sustentable. 

O Goberno galego, ademais do impulso das estacións intermodais que está a levar a cabo na comunidade, tamén avoga por preservar elementos tradicionais representativos dos diferentes modos de transporte e, máis concretamente, do transporte ferroviario. 

Neste sentido, o citado acordo busca garantir o mantemento do patrimonio do museo cara ao futuro e difundir os beneficios socioeconómicos e medioambientais deste medio de transporte.

Data de actualización: 14/06/2023