A Xunta destina preto de 175.000 euros a apoiar a contratación de medio centenar de socorristas nas praias e piscinas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, avanzou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a comunicar esta mañá a resolución desta convocatoria aos Concellos beneficiarios

A Xunta destina este ano un investimento de 1,5 millóns de euros para empregar en 155 concellos galegos a 420 persoas sen emprego que, na práctica, desenvolven durante a campaña de verán labores de vixilancia e seguridade en praias e outros espazos naturais ou en instalacións acuáticas

Ferrol, 14 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia destina este ano preto de 175.000 euros a apoiar a contratación dun total de 49 socorristas nas praias e piscinas de nove concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, avanzou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a comunicar hoxe aos Concellos beneficiarios a resolución desta convocatoria de axudas para que poidan tramitar a contratación destes profesionais. Entre os concellos beneficiarios atópanse Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Ferrol, Mañón, Monfero, Pontedeume e Valdoviño.

O Goberno galego vén mantendo un compromiso constante durante os últimos anos cos servizos de socorrismo, de competencia municipal. “Trátase dun apoio moi importante sen o que os concellos terían moitas dificultades para poder financiar estes servizos de vixilancia que son fundamentais para garantir a seguridade de veciños e visitantes en praias e piscinas durante esta temporada estival”, indicou a delegada territorial.

A Xunta destina este ano 1,5 millóns de euros para empregar en 155 concellos a 420 persoas sen emprego, que na práctica desenvolven durante a campaña de verán labores de vixilancia e seguridade en praias e outros espazos naturais ou en instalacións acuáticas. O obxectivo da actuación é proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo. Os contratos serán de dous meses de duración.

A contía que percibirán as entidades beneficiarias irá destinada a sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, cos importes máximos recollidos na convocatoria de axudas.

Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

  

Distribución por concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal das axudas á contratación de servizos de socorrismo en espazos acuáticos

 
 
CONCELLOS

TRABALLADORES CONCEDIDOS

IMPORTE CONCEDIDO

Ares
4
14.080
Cabanas
5
17.300
Cariño
5
17.125,30
Cedeira
4
14.080
Ferrol
9
31.680
Mañón
6
20.760
Monfero
1
3.640
Pontedeume
5
17.600
Valdoviño
10
38.000
TOTAIS
49

174.265,30 €

Data de actualización: 14/06/2023