A Xunta realiza un simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior de Punta Promontoiro en Mugardos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no exercicio xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros

Durante o simulacro activáronse as sirenas que avisan á poboación en caso de activación do Plan de Emerxencia Exterior

Mugardos (A Coruña), 14 de xuño de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron hoxe no simulacro de emerxencia levado a cabo pola Xunta nos establecementos implicados no Plan de Emerxencia Exterior (PEE) do Polígono Punta Promontorio (Mugardos), que inclúe ás empresas Forestal del Atlántico, Reganosa e Imegasa. O exercicio levouse a cabo nas instalacións de Forestal del Atlántico e consistiu nun accidente de categoría 2 durante a carga de combustible a un camión cisterna que derivou nunha dispersión tóxica e un incendio.

Santiago Villanueva destacou a importancia que teñen este tipo de exercicios para a coordinación e concienciación do persoal das empresas e da propia cidadanía e da veciñanza sobre como proceder en caso de que ocorra un accidente. Por iso, incidiu na necesidade de fomentar a prevención e levar a cabo este tipo de exercicios que serven para anticiparse a calquera emerxencia que poida pasar.

Durante o simulacro activáronse as sirenas que dan aviso á poboación en caso de activación do Plan de Emerxencia Exterior e que se chega a ser o caso dunha activación real actuarían como elemento de aviso á poboación, xa que un dos obxectivos prioritarios do exercicio é que a poboación da zona de Mugardos se familiarice cos sons das sirenas e sexa capaz de identificalos no caso hipotético de activación en caso dunha emerxencia real.

No marco do exercicio, tamén se constituíron o Posto de Mando Avanzado (PMA) e o Centro de Recepción de Medios (CRM) coa mobilización de distintos grupos operativos - bombeiros do concello de Ferrol, os Bombeiros Consorcio Provincial da Coruña, GES Mugardos, Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local Mugardos, AVPC Mugardos, PMA Axega, 061 e 112 Galicia, incluíndo o Grupo de Apoio Loxístico de Galicia (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

A activación do PEE de Punta Promontoiro permitiu comprobar os procedementos de mobilización e constitución dos grupos operativos, a coordinación entre este PEE e do plan de emerxencia interior do establecemento industrial; o adestramento do persoal dos grupos operativos e centros de coordinación, mando e control nas tarefas asignadas; así como o uso dos sistemas de comunicacións e a posta en marcha de accións de protección e información á poboación afectada.

Revisión do PEE de Punta Promontoiro

Cómpre lembrar que a comezos de maio aprobouse a revisión do PEE de Punta Promontoiro. Xa en 2013 os plans de emerxencia exterior de Forestal del Atlántico-Imegasa de Mugardos e da planta de recepción, almacenamento, regasificación e expedición do gas natural licuado da empresa Regasificadora do Noroeste, S.A. (Reganosa), tamén de Mugardos, unificáronse neste Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro, que vén de revisarse para garantir a súa eficacia.

Os plans de emerxencia exterior son os documentos que se elaboran para previr e, no seu caso, mitigar as consecuencias dos posibles accidentes graves nos que interveñen substancias perigosas, previamente analizados, clasificados e avaliados. Ademais, establecen as medidas de protección máis idóneas, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos chamados a intervir.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2023