A Xunta convoca por case 11 M€ dúas liñas de axudas a entidades locais para implantar puntos limpos e avanzar na recollida e reciclaxe dos biorresiduos

A primeira das ordes, cun orzamento de 10,2 M€, cubrirá ata o 90 % do custo de proxectos destinado á implantación, ampliación ou mellora da separación en orixe da fracción orgánica así como para iniciativas de reciclaxe e compostaxe

O outro programa publicado hoxe, cunha dotación de 0,8 M€, prevé axudas de como máximo 400.000 € para construír instalacións nas que depositar residuos especiais

En ambos casos, as subvencións financiaranse con fondos propios da Comunidade e do programa Next GenerationUE e as solicitudes poderán presentarse desde mañá

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023 A Xunta acaba de convocar dúas ordes de axudas cun orzamento global de case 11 millóns de euros destinadas a apoiar ás entidades locais galegas no impulso de proxectos para implantar punto limpos fixos nos seus municipios e para a posta en marcha de diferentes proxectos de recollida selectiva e xestión da fracción orgánica de orixe doméstica (os chamados biorresiduos).

A primeira das ordes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia prevé dúas liñas de actuacións subvencionables: por un lado, proxectos para a implantación, ampliación ou mellora da recollida separada do lixo orgánico e por outro, iniciativas para a separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria.

Cun orzamento total de 10,18 millóns de euros, serán susceptibles de financiarse a través deste programa a compra de caldeiros, bolsas compostables, sacas reutilizables, contedores para a vía pública, sistemas de recollida porta a porta, camións de recollida sempre que sexan eléctricos ou de biogás de orixe renovable, e tamén campañas de información e sensibilización á poboación.

Así mesmo e no marco da segunda liña de actuacións, cómpre indicar entre os gastos subvencionables as biotrituradoras, os composteiros comunitarios, os caldeiros domésticos así como outro material necesario para compostar como, por exemplo, aireadores, termómetros ou tamizadores.

Estas subvencións poderán cubrir ata o 90 % do custo subvencionable dos proxectos, cunha contía máxima de 5 euros por habitante no caso da primeira das liñas de actuación previstas e de 4,5 €/hab. para a segunda.

Como novidade da convocatoria deste ano, cómpre subliñar que a concesión poderá resolverse a medida que se vaian rexistrando e comprobando as solicitudes, sempre que, evidentemente, reúnan os requisitos e o expediente estea completo, o que permitirá axilizar a tramitación. Neste sentido, cómpre lembrar que todos os concellos deberán ter implantada a recollida separada dos biorresiduos antes do 31 de decembro deste ano, en cumprimento da normativa europea de xestión de residuos municipais.

En canto á outra orde de axudas publicada hoxe no DOG para apoiar ás entidades locais na construción de novos puntos limpos fixos, cómpre precisar que entre as actuacións e conceptos subvencionables figuran, entre outros, a adquisición de contedores e gaiolas para almacenar as distintas fraccións; básculas de pesada de entradas e saídas de residuos; os labores de acondicionamento do terreo; as cubertas para zonas de almacenamento de materiais que pola exposición ao sol e á auga se vexan prexudicados para a súa reciclaxe ou valoración posteriores; ferramentas informáticas, etc.

Cun orzamento global de 800.000 euros para o período 2023, 2024 e 2025, a contía máxima das axudas para implantar instalacións destinadas á recollida e depósito de residuos especiais será do 90 % dos custos subvencionables, fixándose na propia orde un tope máximo de 400.000 euros por axuda.

Ademais, cómpre subliñar que, por primeira vez, a Xunta valorará á hora de puntuar os proxectos recibidos —que se seleccionarán por concorrencia competitiva— o feito de que o municipio solicitante estea en posesión do distintivo bandeira verde, outorgado anualmente polo Instituto de Estudos do Territorio a aquelas entidades locais que destaquen polas súas boas prácticas medioambientais.

En ambos casos, as subvencións están financiadas con cargo a fondos propios da Comunidade e do programa comunitario Next GenerationUE e as solicitudes poderán presentarse desde mañá. No caso da liña de axudas para actuacións en materia de biorresiduos, o prazo para poder acollerse a este programa estenderase ata o 30 de decembro e no das subvencións para puntos limpos fixos municipais, será dun mes.

Data de actualización: 14/06/2023