A Xunta premia o labor de tres cooperativas galegas da Coruña, Ferrol e Ribeira por poñer ao servizo de Galicia iniciativas de vocación social e gran utilidade

Os Premios á Cooperación 2023 nas categorías de fomento dos valores cooperativos, proxecto novo e traxectoria recaeron, respectivamente, nas sociedades cooperativas Alén (A Coruña), Enraizando (Ribeira) e Ferrolana de Profesores de Autoescuela

As entidades destacaron polo seu compromiso coas persoas, o traballo colaborativo e a promoción da sustentabilidade nas contornas
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o fallo dos Premios á Cooperación que, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, foron outorgados na súa edición 2023 a tres empresas cooperativas da provincia da Coruña: Alén (A Coruña), Enraizando (Ribeira) e Ferrolana de Profesores de Autoescuela (Ferrol), pola súa contribución a fomentar e difundir os valores do cooperativismo na comunidade a través de proxectos útiles e de vocación social.

O premio aos valores cooperativos recaeu en Alén (da Coruña) que, constituída en novembro de 2020, ofrece servizos de consultaría e formación para entidades, incluíndo proxectos para cooperativas, centros especiais de emprego, fundacións, asociacións e entidades sen ánimo de lucro, ademais de administracións públicas e outras empresas. A través dos seus servizos axudan a maximizar o impacto ambiental e social doutras organizacións a partires da visión compartida das súas socias promotoras sobre a necesidade de achegar a sustentabilidade ao eido local. O xurado valorou a firme crenza da entidade no traballo colaborativo, na xestión participativa e na primacía do capital humano fronte ao económico.

O galardón ao mellor proxecto cooperativo foi para Enraizando que, desde Ribeira e cunha andaina iniciada hai 26 meses, desenvolve proxectos que poñen ás persoas no centro. A súa misión artéllase en tres eixos: apoio e acompañamento sensible por e para as persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade; xeración de espazos participativos desde os que acompañar os itinerarios de saúde; e espazos de formación e acollida a estudantes e profesionais de calquera parte do mundo. A entidade desenvolve, deste xeito, programas de acompañamento individual e familiar de supervisión de equipos profesionais e/ou para a poboación en xeral. Destaca o proxecto Equipo de Apoio Social e Comunitario, un recurso de atención psicosocial destinado a persoas que presentan problemáticas relacionadas co consumo de substancias e ou en situación de vulnerabilidade nun momento da súa vida.

No caso da mellor traxectoria cooperativa, o premio este ano recoñece o traballo da sociedade cooperativa Ferrolana de Profesores de Autoescuela, fundada en 1974, polo que conta con case medio século de experiencia. Neste tempo, pasaron pola escola tres xeracións de alumnos e máis de 60.000 persoas. A cooperativa dispón na actualidade de 6 centros de formación que imparten ensinanzas de condución de vehículos terrestres, de especialidades como CAP, ADR, carretilleiros e unha ampla e variada gama de vehículos. A ferrolá é a cooperativa de autoescolas de traballo asociado decana de España.

Cos galardóns ao cooperativismo que se fallan nas vésperas da conmemoración do Día Mundial do Cooperativismo (o próximo 1 de xullo), a Xunta de Galicia quere impulsar esta fórmula económica e poñer en valor os seus principios entre a sociedade,  así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando coa súa aposta pola igualdade, a proximidade e a xeración de emprego.

Data de actualización: 14/06/2023