A Xunta formaliza a adxudicación do contrato das obras para dotar de abastecemento distintos núcleos do Concello de Pantón por máis de 575.000 euros

Mediante esta intervención dotarase de subministro de auga potable a 240 veciños de 26 núcleos das parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, que na actualidade se abastecen de auga a través de pozos

Executarase unha captación de 120 metros de profundidade e construirase un depósito de 100 m³, ademais de instalacións complementarias

Tamén se disporá unha rede de distribución con 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión e outra por gravidade

As obras teñen un prazo de execución de 6 meses e son froito do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello
 

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de formalizar a adxudicación do contrato, por importe de 576.470 euros, das obras para dotar de abastecemento de auga potable as parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, no concello de Pantón.

As actuacións, adxudicadas á empresa Construcciones Cernadas, S.L., contan cun prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo é dotar de rede de abastecemento de auga potable a 240 veciños de 26 núcleos destas parroquias, que actualmente carecen deste servizo, abastecéndose a través de pozos.

A través do contrato adxudicado executarase unha captación de 120 metros de profundidade; construirase un depósito de 100 m³, de estrutura de formigón armado; unha caseta coa cámara de chaves, un grupo de presión equipado con dúas bombas con caudal variable e presión constante, e o equipo de cloración. 

Tamén se disporá unha rede de distribución, de tubaxe de polietileno de alta densidade. Serán 12 quilómetros de conducións, cunha parte de rede en presión naquelas zonas onde esta non é suficiente para levar a auga as casas e, no resto, por gravidade; ademais de 149 acometidas.

As obras serán financiadas pola Unión Europea no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á pandemia da covid-19.

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Pantón.

Así, a entidade hidráulica Xunta, aínda que Pantón pertence á conca de responsabilidade estatal, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, redactou o proxecto desta actuación e será a encargada de executar as obras para dotar de servizo de abastecemento estas tres parroquias de Pantón. A Xunta apoia ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cunha achega de 520.000 euros, ademais de contratar e executar as obras.

Pola súa banda, a entidade local achega os outros 130.000 euros recollidos no convenio e asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento e explotación destes servizos municipais.

Data de actualización: 13/06/2023