A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade entregou hoxe o premio, dotado con 3.000 €, ao vídeo gañador pola provincia da Coruña, realizado polos alumnos de 2º de primaria deste centro

Ethel Vázquez destaca o exemplo de coidado do traballo As Pinguiñas Viaxeiras do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, galardoado co Premio Innovaugas 4.0

Vázquez Mourelle subliña a elaboración do vídeo e a escenificación do ciclo da auga que fixeron os nenos a través de ‘Hidra’, unha pinga viaxeira que traslada a importancia deste ben prezado e a necesidade de coidalo

Salienta a acollida que tiveron estes primeiros premios organizados por Augas de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para promover o uso responsable da auga entre os máis novos

Nesta iniciativa participaron nenos de 1º e 2º de primaria de toda Galicia cunha peza audiovisual para a súa difusión nas redes sociais, elixíndose un gañador e un finalista por provincia

O Colexio Galaxia de Ribeira foi o finalista pola provincia da Coruña co seu traballo “A sombra da auga”

Cee (A Coruña), 13 de xuño de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o exemplo de coidado da auga que transmite o traballo ‘As Pinguiñas viaxeiras’ do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, galardoado co Premio Escolar Innovaugas 4.0.

Vázquez Mourelle achegouse ao municipio de Cee para facer entrega dos primeiros Premios Escolares Innovaugas 4.0 ao vídeo gañador pola provincia da Coruña, ‘As Pinguiñas viaxeiras’, elaborado polos alumnos de 2º de primaria do centro escolar ceense. O premio está dotado con 3.000 euros.

A conselleira trasladou a felicitación polo traballo realizado sobre o ciclo da auga, tanto aos alumnos como aos profesores, a quen lles agradeceu a implicación e a estimulación dos rapaces na realización dun vídeo tan ilustrativo, e por inculcarlles e educalos na cultura da auga, un ben valiosísimo e que hai que coidar, dixo.

Felicitou aos alumnos de 2º de primaria do colexio polo seu esforzo na elaboración do vídeo e a escenificación, a través de Hidra, a pinga viaxeira, de todo o ciclo da auga: desde a fonte de captación ata o proceso de potabilización antes de chegar ás casas; e o proceso de depuración antes de ser devolta ao medio en condicións axeitadas.

Ethel Vázquez destacou a posta en escena, moi visual e atractiva, así como a mensaxe sinxela e moi comprensible coa que os rapaces transmitiron que a auga é un ben indispensable e prezado que non se pode malgastar. Neste sentido incidiu na capacidade dos escolares para transmitir, coma ninguén, a importancia da auga e todo o ciclo que segue cada gota de auga ata que chega ás nosas casas e abrimos a billa para lavar os dentes ou fregar os pratos. 

Ethel Vázquez amosou a satisfacción da Xunta  pola acollida que tiveron estes 1º Premios Escolares Innovaugas 4.0 que organiza Augas de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para promover e fomentar o uso responsable da auga entre os máis novos.

Os premios ían dirixidos aos nenos de primeiro e segundo curso de primaria de toda Galicia, que debían elaborar unha peza audiovisual de 1 minuto de duración como máximo sobre o respecto pola auga. Os vídeos están pensados para a súa difusión a través das redes sociais. Ao final entre os colexios participantes, elixíronse 4 gañadores, un por provincia, ademais de finalistas.

O Colexio Galaxia de Ribeira foi o centro finalista destes premios na provincia da Coruña, polo seu traballo “A sombra da auga”. Neste caso o xurado premiou o esforzo na edición e a orixinalidade do vídeo presentado. O agasallo foi un bidón de auga fabricado con plástico reciclado, co que poder seguir poñendo en práctica o aforro e o coidado da auga.

Con estes premios, a Xunta busca incentivar a educación ambiental entre os máis novos arredor da utilización responsable da auga e a necesidade do seu coidado, porque é un ben que se esgota.

A conselleira destacou, por último, que os proxectos presentados a estes Premios Escolares Innovaugas 4.0 son un exemplo tamén para os maiores, que permiten aprender dos máis novos: empregando o seu idioma e coa utilización de ferramentas dixitais, ensínannos o mellor modo de transmitir os valores da auga, concluíu.

Innovaugas 4.0

O galardón entregado hoxe en Cee enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, promovido pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural.  

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 e conta cunha axuda de fondos europeos de 4,2 M€, sendo cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2023