Lorenzana pon en valor na oficina de emprego Coruña Centro os novos servizos da Xunta que beneficiarán a demandantes e empresas na busca de perfís axeitados

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade mantivo hoxe un encontro co persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia da oficina sita no espazo Amizar
 

Estas dependencias, ao igual que no resto de Galicia, implementarán a intelixencia artificial co sistema ‘EMi’ para axustar os perfís ás demandas do mercado laboral
 

Catro novos orientadores incorporáronse a esta oficina herculina para desenvolver o programa de seguimento intensivo da demanda e acompañar, de xeito personalizado, ás persoas usuarias con maiores dificultades para atopar emprego
 

A Coruña, 13 de xuño de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe, ao persoal da nova oficina de emprego Coruña Centro os novos servizos cos que a Xunta de Galicia está a modernizar a atención aos usuarios, como o programa de acompañamento ás persoas demandantes de emprego con maiores dificultades de acceso ao traballo, ou o sistema EMi que, baseado na intelixencia artificial, casará en tempo real as necesidades das empresas coa man de obra ofertada polo servizo público.

A conselleira mantivo un encontro co persoal destas dependencias para agradecerlle a súa implicación e avanzarlle polo miúdo en que consiste o proceso de renovación integral que a Xunta está a acometer neste servizo.

A oficina Coruña Centro conta desde marzo con catro persoas que asumen as tarefas de orientación e prospección laboral. Forman parte dos 136 postos creados pola Consellería de Promoción do Emprego este ano para reforzar a atención ás persoas demandantes.

Entre outras funcións, os novos orientadores asumirán o desenvolvemento do novo programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a usuarios inscritos no Servizo de Emprego de Galicia.

O programa porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.  

A estas persoas, informou a conselleira, outorgaráselles información e se lles explicará de xeito individual os recursos que lles ofrece o Servizo Público de Emprego de Galicia, coa finalidade última da mellorar as súas oportunidades.  

Intelixencia artificial

Outra das principais novidades no servizo, destacou Lorenzana, será a implementación en toda a rede da nova ferramenta tecnolóxica EMi (Emprego Intelixente). Baseada na intelixencia artificial permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes anotadas no servizo público.

Tratarase, tal e como destacou a titular de Promoción do Emprego, de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada en prol da xeración de máis de mellor emprego en Galicia.

A oficina de emprego Coruña Centro, que se trasladou a principios do ano pasado da súa antiga ubicación na rúa Orillamar ás novas dependencias administrativas do espazo Amizar, da rúa Gregorio Hernández, atendeu durante o ano pasado cerca de 20.000 citas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2023