A Xunta remata a renovación das beirarrúas do tramo urbano da estrada PO-226 en Moraña, cun investimento de 387.000 euros

Actuouse no treito de 300 metros da vía autonómica, desde a intersección que dá acceso á Casa do Concello ata a chegar ao límite do casco urbano

A intervención facilita a mobilidade no acceso dos veciños á Casa do Concello, á biblioteca pública, á escola de música e a establecementos como a panadería

Refórzase a seguridade na zona, adaptándose ademais, as beirarrúas á nova normativa de accesibilidade

As obras permitiron intervir nos servizos de abastecemento e saneamento, construíndo unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais

Tamén se renovou a iluminación e procedeuse ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, así como á instalación de mobiliario urbano
 

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023

A Xunta vén de rematar as obras de renovación das beirarrúas do tramo urbano da estrada PO-226 en Moraña, cun investimento de 387.000 euros.  

A actuación levouse a cabo nun treito estratéxico desta vía autonómica, coincidente co núcleo de Santa Lucía, na parroquia de Saiáns, onde está situada a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais. 

Actuouse nun treito de 300 metros da estrada PO-226, desde a intersección que dá acceso á Casa do Concello ata a chegar ao límite do casco urbano, renovando as beirrarrúas e adaptándoas á nova normativa de accesibilidade. 

As intervencións acometéronse en ambas as dúas marxes do que é a principal vía do municipio, con actuacións nas beirarrúas para facelas máis accesibles e ampliando o seu ancho nun treito da marxe esquerda para facilitar o tránsito dos peóns. 

Nesta obra incluíuse a rehabilitación do firme dos carrís de circulación, o que favorece tamén o tránsito dos vehículos en boas condicións. 

Nesta actuación aproveitouse para intervir nos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, impulsando unha importante mellora, ao construír unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais, dotando este treito dunha rede de saneamento separativa. 

Ademais, renovouse a iluminación e procedeuse ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, executando un prisma para estes servizos. 

A actuación completouse coa instalación de mobiliario urbano e axardinamento para humanizar este treito de travesía de PO-226, que constitúe o corazón do municipio e que gaña, con esta actuación, espazo público para o desfrute dos veciños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2023