A conselleira de Política Social e Xuventude compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento para dar conta da programación estival

A campaña de verán da Xunta é a que máis prazas ofrece de todo o Estado

Neste 2023 ofrécense 11.200 prazas, 400 máis que o ano pasado e 2.200 máis que no ano 2009, en distintas actividades para idades comprendidas entre os 9 e os 30 anos
 

Fabiola García sinala que esta oferta supón un importante recurso de conciliación para as familias, pero tamén de ocio educativo para a xuventude e unha oportunidade para crear emprego no sector do tempo libre
 

Esta oferta é accesible e inclusiva ao estar aberta a todas as persoas con discapacidade e as súas familias tanto a través do procedemento xeral, como de prazas reservadas e campamentos específicos
 

O Goberno galego destina este ano 5 millóns de euros á campaña de verán, un 30% máis que no ano 2009
 

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023

  A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou que a campaña de verán da Xunta é a que máis prazas ofrece de todo o Estado, máis de 11.200 entre distintas actividades para todas os gustos e idades. Esta mañá, compareceu a petición propia no Pleno do Parlamento para dar conta da programación estival.

A conselleira sinalou que estas 11.200 prazas son 200 máis que o ano pasado, cando xa se bateron todos os récords, e 2.200 máis que no ano 2009. Deste xeito, apuntou, Galicia convértese unha vez máis nunha Comunidade líder na aposta e a implicación pola conciliación entra a vida familiar e laboral xa que ningún outro Goberno autonómico pon á disposición das familias un número tan elevado de prazas.
 
Fabiola García afirmou que esta campaña de verán supón un beneficio para as familias e para a xuventude, ao ofrecer unha alternativa de ocio educativo para todos eles. Neste sentido, apuntou que os seus beneficios supoñen unha axuda importante para a conciliación, pero tamén para a formación en valores e a creación de emprego no sector do tempo libre, onde cada ano se crean 1.300 contratos entre directores e monitores.

Oferta ampla, variada e inclusiva

Así mesmo, sinalou que esta oferta contempla os tradicionais campamentos, para nenos de 9 a 17 anos; minicampamentos para nenos de 10 a 14 anos; e alternativas para os maiores de idade mediante campos de voluntariado, intercambios con outras Comunidades e instalacións para que entidades xuvenís e concellos organicen os seus propios programas de tempo libre.

Esta oferta é ademais de ampla e variada, inclusiva xa que está aberta a todas as persoas con discapacidade e as súas familias. Todos os campamentos de verán están á disposición das persoas con discapacidade tanto polo procedemento xeral, como con prazas reservadas para inclusión e a través dos campamentos específicos para persoas con discapacidade, dotada con 250 prazas.  

5 millóns de euros

A conselleira sinalou que o Goberno galego destina a esta campaña de verán 5 millóns de euros, un 30% máis que no ano 2009 e que se completa con outras accións de tempo libre fóra da época estival como son os programas Primavera Xove, Outono Xove e o Día da Xuventude, un novo programa itinerante que percorreu 30 localidades galegas ofrecendo alternativas de ocio entre a mocidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2023