Lorenzana sinala na Coruña que a nova Lei de igualdade suporá unha oportunidade para reter e atraer talento e para a mellora da competitividade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participou hoxe na apertura da xornada Igualdade, diversidade e violencia no traballo: actualidade e futuro, onde destacou que a normativa situará a Galicia á vangarda no eido laboral
 

O novo texto legal regulará a sustentabilidade social empresarial poñendo no centro o benestar laboral das persoas traballadoras e promoverá unha cultura empresarial baseada en criterios ambientais, sociais e de gobernanza
 

A Coruña, 13 de xuño de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe na Coruña que a nova Lei de igualdade de Galicia suporá unha oportunidade para o crecemento da competitividade empresarial na comunidade e un motivo para a retención e atracción de talento. Na inauguración da xornada organizada pola Xunta Igualdade, diversidade e violencia no traballo: actualidade e futuro, a titular autonómica destacou que o novo texto legal promoverá unha contorna laboral inclusiva e segura e situará a Galicia á vangarda no eido laboral, promovendo espazos de traballo nos que non teñan cabida as discriminacións.

Para iso, Lorenzana indicou que a normativa regulará a sustentabilidade social empresarial, poñendo no centro o benestar laboral das persoas traballadoras e fomentando unha nova cultura empresarial baseada en criterios ambientais, sociais e de gobernanza.

Para a conselleira, o reto é que a nova Lei favoreza a igualdade de oportunidades entre as persoas traballadoras e a creación de equipos diversos, impulsando medidas encamiñadas a unha conciliación corresponsable, o teletraballo, o dereito á desconexión dixital ou a flexibilidade horaria. “Queremos con esta normativa chegar a todo o tecido produtivo, non poden ser prácticas exclusivas das grandes corporacións ou daquelas que teñen departamentos e persoal específico para a súa aplicación”, apuntou.

Na xornada, que se celebra hoxe, diferentes expertos están a avaliar o estado actual e as previsións de futuro da igualdade, a diversidade e a violencia no traballo para que Galicia sexa capaz de adiantarse aos cambios no mercado de traballo e para que as novas relacións laborais non dean lugar a novas situacións de discriminación.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2023