Diego Calvo pon en valor o papel das audiencias provinciais como garantía de seguridade xurídica

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo participou nun encontro no marco das XXI Xornadas de Presidentes e Presidentas de Audiencias Provinciais de España, que este ano se celebran en Galicia

Meis (Pontevedra), 12 de xuño de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe nunha recepción no marco das XXI Xornadas de Presidentes e Presidentas de Audiencias Provincias de España, onde agradeceu que este ano Galicia fose a sede escollida para celebrar este encontro anual.

Nesta liña, puxo en valor o papel destes organismos na vertebración do territorio ou na elaboración da xurisprudencia que logo aplican os tribunais de instancia. De feito, engadiu que desde o punto de vista xurisdicional, garanten a seguridade xurídica ao unificar os criterios de resolución xurídica en casos nos que non alcanza a xurisprudencia do Tribunal Supremo.

Desde hoxe ata o mércores os máximos responsables das audiencias provinciais abordarán asuntos de actualidade como os proxectos de lei de eficiencia organizativa e de eficiencia dixital ou a aplicación das reformas en materia penal. Diego Calvo incidiu en que o traballo servirá para sentar as medidas para mellorar o funcionamento da Xustiza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2023