O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visita o actual instituto que o vindeiro curso funcionará como centro especializado en FP

O novo CIFP Montecelo sumará 100 prazas e ciclos novos para especializarse na área da sanidade

Será o terceiro centro deste tipo na cidade de Pontevedra dentro dunha rede que vai medrar ata os 27 repartidos por toda Galicia

Ofertará os ciclos de Emerxencias sanitarias e Farmacia e parafarmacia e, por primeira vez en Galicia, o itinerario dual de Postimpresión e acabamentos gráficos

“Esta transformación forma parte do noso obxectivo de ofrecer unha formación especializada e de calidade capaz de preparar ao alumnado para os novos retos e necesidades do mercado laboral”, explica

Pontevedra, 12 de xuño de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta tarde o Instituto Montecelo de Pontevedra que, a partir do vindeiro curso, comezará a funcionar como Centro Integrado de Formación Profesional, polo que incorporará case 100 novas prazas, dous ciclos novos e o reforzo doutro con 50 novas prazas en réxime semipresencial.

Durante a súa visita coa directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, o responsable autonómico explicou que esta medida forma parte do traballo posto en marcha pola Xunta de Galicia para “reforzar a FP galega e potenciar a oferta da man do tecido socioprodutivo.” Neste senso, salientou que a especialización do novo CIFP Montecelo na área de Sanidade permitirá “dar resposta a alta demanda que temos nestes ciclos e aumentar a oferta de profesionais sanitarios”.

“Estou convencido de que esta iniciativa servirá para multiplicar os efectos beneficiosos que ten a Formación Profesional tanto na provincia de Pontevedra como en toda Galicia”, afirmou Román Rodríguez antes de engadir que un dos obxectivos do Goberno galego é ofrecer “unha formación especializada e de calidade capaz de preparar ao alumnado para os novos retos e necesidades do mercado laboral”.

Itinerarios con moita demanda

Así, tal e como avanzou, no vindeiro curso 2023/24, no ámbito da familia profesional de Sanidade, o centro incrementará a súa oferta académica con dous ciclos moi demandados que suman un total de 77 prazas: Emerxencias sanitarias e Farmacia e parafarmacia, que se reforza con 50 novas prazas en réxime semipresencial ou a distancia.

Ademais, por primeira vez en Galicia, ofertarase o ciclo de Postimpresión e acabamentos gráficos na modalidade de FP Dual con 22 prazas en colaboración con seis empresas. Esta incorporación permitirá dar cobertura a un sector no que non existía formación e que conta cunha empregabilidade prevista de máis do 80%.

Máis de 300 alumnos

O novo CIFP de Montecelo, que actualmente conta con máis de 300 alumnos, será o terceiro deste tipo na cidade de Pontevedra e o octavo na provincia. A súa conversión, aprobada a semana pasada no Consello da Xunta xunto co IES de Vilamarín e o Audiovisual de Vigo, eleva o número de centros integrados de FP da Comunidade a 27.

Esta rede, que aglutina un 46% das matrículas de ciclos formativos, constitúe o eixe vertebrado da FP galega pola súa importancia para potenciar estes estudos en excelencia e empregabilidade grazas a unha oferta modular, flexible e adaptada ás demandas socio-económicas.

Ademais, estes centros son clave para o procedemento de avaliación, recoñecemento, e acreditación de competencias profesionais a partir da experiencia dos traballadores.

Data de actualización: 12/06/2023