Máis de 11.400 persoas concorrerán aos exames de oposición do Sergas que se celebrarán os días 24 e 25 de xuño en Silleda

O día 25 de xuño, un total de 10.101 persoas optarán a algunha das 1.556 prazas ofertadas na especialidade de Enfermería

A Xunta de Galicia artellou un importante dispositivo organizativo para garantir o correcto de desenvolvemento das probas, habilitando, entre outras medidas, salas de lactancia completas

As persoas xestantes cuxo parto coincida coa realización das probas deberán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde para solicitar a realización do exame nunha data alternativa, que sempre será dentro dos 15 días seguintes a esta data

Para facilitar o desprazamento dos/das opositores/as porase en marcha un servizo especial de transporte desde diferentes puntos de Galicia, activándose 9 liñas que conectarán Silleda desde 17 concellos de toda a xeografía galega

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG), publica na súa edición de hoxe, o anuncio polo cal se fai público o lugar, data e hora de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de enfermería, que terán lugar o vindeiro 25 de xuño.

Os vindeiros días 24 e 25 de xuño, un total de 11.439 persoas concorrerán aos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías do Servizo Galego de Sáude.

Así, na quenda de mañá do sábado 24, o Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda acollerá desde as 9,00 horas ás 704 persoas aspirantes correspondentes ás categorías de ATS/DUE, Inspector/a médico/a, Licenciado/a en ciencias Químicas e Farmacéutico/a Inspector/a de saúde pública.

Na quenda tarde, outros 485 opositores realizarán desde as 16,00 horas as probas correspondentes ás categorías de licenciado/a en farmacia, licenciado/a en medicina e cirurxía, licenciado/a en ciencias biolóxicas, licenciado/a en psicoloxía e subinspector/a sanitario/a.

Xa na xornada do 25 de xuño, desde as 10,00 horas da mañá un total de 10.101 persoas optarán a algunha das 1.556 prazas de Enfermería ofertadas pola xunta nesta convocatoria e, outras 149, realizarán a proba selectiva para á clase de inspector/a farmacéutico/a.

Aspirantes xestantes e outras adaptacións

Co obxectivo de facilitar a realización das probas, as aspirantes que desexen exercer o dereito de lactación terán a súa disposición unha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto, acondicionada con microondas, cambiador, etc. Tamén, se o precisan, poderán solicitar realizar a lactación durante a realización dos exercicios.

Neste último caso, así como no das profesionais en situación de embarazo, que poidan estar ingresadas o mesmo día do exame e desexen acollerse ao previsto no punto 8.1.7 das bases da convocatoria, deberán poñerse en contacto coa dirección de oposiciones@sergas.es para que lle informen do procedemento.

Por outra parte, as persoas xestantes cuxo parto coincida coa realización das probas deberá comunicalo ao Servizo Galego de Saúde para solicitar a realización do exame nunha data alternativa, que sempre será dentro dos 15 días seguintes a esta data.

No caso dos aspirantes aos que se lle concedeu algunha adaptación de posto por motivos de saúde, limitacións físicas ou psíquicas realizarán a entrada pola porta 0.

Complexo dispositivo organizativo e transporte especial

Se ben na xornada do sábado se examinarán 1.189 persoas, o domingo 25 de xuño o Recinto Feiral de Silleda acollerá a 10.250 persoas aspirantes, o que obriga a Xunta a despregar un importante e complexo dispositivo organizativo para garantir o correcto de desenvolvemento das probas.

Para esta xornada, a Xunta habilitará os pavillóns 1, 2 e 8 do Recinto Feiral de Silleda, o que conlevará a apertura de 42 portas de acceso. Así, un total de 230 persoas colaboradoras do Sergas participarán nas tarefas organizativas das probas. O devandito dispositivo completarase con efectivos da Garda Civil, Policía Nacional e Autonómica, Protección Civil, 061, e persoal da Fundación Semana Verde de Galicia.

Na mesma liña, para facilitar o desprazamento das persoas aspirantes ata o Recinto Feiral Internacional de Silleda, a empresa Mombus porá en marcha un servizo especial de transporte desde diferentes puntos de Galicia.

Este contará cun total de 9 liñas que conectarán Silleda desde 17 concellos de toda a xeografía galega: (A Coruña, Chantada, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago, Verín, Vigo, Xinzo de Limia). O horario das saídas programadas e a compra anticipada de billetes pódense consultar na seguinte ligazón: Servicios especiales para las oposiciones de Enfermería en Silleda- Noticias - Monbus

Protocolo das medidas organizativas no desenvolvemento das probas

As persoas aspirantes deberán situarse ás horas indicadas na porta de acceso que lle corresponda, e acudir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

Ademais, a acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas realizarase a través de código QR. Para elo, cada aspirante terá á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e), desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR, que deberá imprimir e presentar o día do exame ao persoal colaborador da porta que lle foi asignada, e que lle permitirá o acceso ao interior do lugar de realización das probas.

O código QR conterá información do lugar, a data e a hora de realización dos exercicios, así como a porta de acceso que corresponde a cada aspirante. Co obxecto de axilizar a entrada ao recinto, a persoa aspirante debe ter á man ambos os documentos: código QR e documento de identidade. Non se lles permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas aos/ás aspirantes que non presenten o código QR impreso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2023