A FP esperta o interese de case 700 persoas nas comarcas de Terra de Lemos, Chantada e Quiroga

Os seis centros que as ofertan imparten un total de 32 ciclos e un máster e teñen hoxe un 22,5% máis de matriculados ca hai unha década

A Xunta organiza un encontro do Plan Conecta FP para estas comarcas no Instituto IES A Pinguela

Monforte de Lemos (Lugo), 12 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia celebra hoxe o encontro territorial do Plan Conecta FP para as comarcas do Terra de Lemos, Chantada e Quiroga, no que un arredor dun cento de persoas, entre docentes e representantes de firmas empresariais e de centros educativos, se reúnen para analizar as necesidades do tecido produtivo da zona e deseñar unha oferta de ciclos e másteres de FP para os vindeiros cursos que permita darlle resposta ás demandas das empresas e, deste xeito, mellorar a empregabilidade dos titulados.

Son case 700 as persoas matriculadas nos 32 ciclos e un máster de FP ofertados polos seis centros que imparten esta ensinanzas nos concellos de Monforte de Lemos, Chantada e Sober. O interese nestas ensinanzas, segundo os datos rexistrados, medrou en máis dun 22,5% na última década.

Ademais do alumnado e do profesorado dos centros e institutos da comarca que imparten ensinanzas de FP, tamén interviñeron representantes de institucións e empresas da zona como o grupo HOTUSA Industrias Losal, Galega de Software Especializado ou o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

Programa da xornada

Xunto coa subdirectora xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo, Cristina Lesta, interveu na apertura do encontro o presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla. A continuación, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación, a cargo do xefe de servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral, Jorge Regueiro.

Así mesmo, desenvolverase unha mesa redonda arredor das necesidades do sector produtivo e da resposta que se lles dá a través da FP Dual e da importancia da acreditación de competencias dos traballadores. Nela participan tanto representantes de centros educativos como de empresas. A xornada culmina co desenvolvemento dun espazo networking, para que os asistentes poidan tecer novas redes profesionais.

Creación de 9.500 prazas

O celebrado esta tarde no Instituto IES A Pinguela é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP para crear 9.500 novas prazas. Ademais, hai outros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles créanse outros 19 grupos de traballo que identifican as necesidades actuais e futuras das empresas, analizan as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

O obxectivo é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas e favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Data de actualización: 12/06/2023