O conselleiro de Educación preside o Consello Galego de Universidades

As tres universidades públicas ofertarán máis de 17.000 prazas de grao e mestrados o vindeiro curso 2023/24

Apróbase o grao en Deseño na UVigo, mentres que o dual en Enxeñaría de Automoción continúa os trámites para completar os informes preceptivos

En canto aos mestrados, incorpóranse os másteres en Enxeñaría Aeronáutica, en Patrimonio Cultural Dixital, en Fabricación Aditiva, en Ciencia e Tecnoloxía da Información Cuántica e en Xestión Sostible da Auga

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023 As tres universidades públicas galegas ofertarán máis de 17.000 prazas públicas de estudo, entre as 11.890 en titulacións de grao (131 máis ca no actual curso) e 5.163 nas de máster (34 máis ca este ano académico), tal e como se deu conta no Consello Galego de Universidades de hoxe presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

No que atinxe ás titulacións, deuse o visto e prace ao grao en Deseño na UVigo (con 45 prazas no Campus de Pontevedra), que conta con informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e aprobación da Comisión Delegada da Conferencia General de Política Universitaria. Por outra parte, continúa os trámites o Grao Dual en Enxeñaría de Automoción, tamén da UVigo, ata completar os informes preceptivos previos á súa implantación.  

Cinco novos mestrados

No que atinxe aos mestrados, o estudantado poderá cursar cinco novas titulacións de máster nas universidades públicas o vindeiro curso. Canto aos mestrados incorpóranse o mestrado en Enxeñaría aeronáutica, impartido pola Universidade de Vigo (20 prazas no campus de Ourense); o mestrado en Patrimonio cultural dixital, interuniversitario entre a Universidade da Coruña (12 prazas no Campus da Coruña) e a Universidade de Santiago de Compostela (13 prazas no Campus de Santiago); e en Fabricación Aditiva, entre a UDC (10 prazas no Campus de Ferrol) e a UVigo (10 prazas no Campus de Vigo).

Ademais, haberá dous mestrados interuniversitarios entre as tres universidades públicas. Trátase do mestrado en Ciencia e tecnoloxía da información cuántica, con 24 prazas a razón de oito nos Campus da Coruña, de Santiago e de Vigo; e en Xestión sostible da auga, con 30 prazas totais repartidas entre os Campus da Coruña, Santiago e Vigo (con dez cada un).

Tamén se lle deu o visto e prace aos programas de Doutoramento en Nanociencia e biomedicina, da Universidade de Vigo (que substituirá ao en Ciencias e tecnoloxía de coloides e interfaces) e de Doutoramento en Didáctica das ciencias experimentais da USC xunto con outras universidades do Estado.

Conxelación taxas universitarias

Por outra parte, o Consello Galego de Universidades avaliou o proxecto de decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos para o próximo curso, a través do cal se conxelan as taxas de matrícula en Galicia por décimo terceiro curso consecutivo.

Así mesmo, na xuntanza presentáronse senllos informes sobre a designación de representantes en distintos órganos como o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) e o Consello de Centros Museísticos de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2023