A Xunta insiste en solicitar á Sareb unha proposta concreta que inclúa o estado actual das vivendas dispoñibles en Galicia e as condicións para a súa cesión

O director do IGVS explica nunha carta enviada á entidade financeira que parte dos inmobles incluídos na oferta realizada xa están comprometidos ou vendidos

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia insiste en solicitar á Sareb unha proposta concreta que inclúa o estado actual das vivendas que a entidade financeira ten dispoñibles na Comunidade e as condicións para a súa cesión.

Nunha carta enviada á entidade financeira, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, reitera a necesidade de dispoñer de información detallada sobre os inmobles que ofrece á Xunta tanto nas grandes cidades como nas súas áreas metropolitanas. O Goberno galego reclama coñecer as condicións nas que se atopan os inmobles -baleiros ou ocupados, con ou sen licencia de conservación, estado de conservación, etc.- así como as condicións nas que a Sareb a poría a disposición da Xunta.

García explica que tras analizar o listado recibido de 479 vivendas que están en comercialización e 806 pendentes de saneamento e logo de realizar as xestións correspondentes cos operadores locais da Sareb, o IGVS constatou que unha parte das vivendas incluídas na devandita oferta xa están comprometidas ou vendidas. De feito, por exemplo, na cidade de Vigo, 5 das 10 vivendas que aparecen no documento non estaban dispoñibles ao facer a consulta ao operador local.

O seguinte paso, unha vez recibida a información completa solicitada, sería unha reunión entre representantes do IGVS e da Sareb para concretar prazos e forma de cesión co obxectivo final de poñelas á disposición da cidadanía o antes posible.

Data de actualización: 12/06/2023