A Xunta adxudica por preto de 324.000 € a renovación e mellora do abastecemento e do saneamento no núcleo do Navallo, en Riós

A actuación prevese levar a cabo neste ano, cun prazo de execución de 4 meses

Dotarase a parroquia de San Vicente do Navallo duns servizos de saneamento e abastecemento eficientes

A Xunta acometerá e financiará as obras cunha achega de máis de 325.000 € no marco dunha colaboración co Concello, que asumirá o financiamento restante

A nova rede de saneamento de augas residuais dará servizo a 66 vivendas e coa mellora da rede de abastecemento dotarase deste servizo a 76

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023 A Xunta acaba de adxudicar por preto de 324.000 euros as obras de renovación e mellora dos sistemas de abastecemento e saneamento no núcleo do Navallo, no concello de Riós.

Esta actuación, adxudicada á empresa Explotacións Medioambientais S.L.U, prevé executarse durante este ano, establecéndose un prazo de 4 meses para a realización dos traballos.

A intervención ten como obxectivo dotar a parroquia de San Vicente do Navallo duns servizos de saneamento e abastecemento eficientes, que respondan ás necesidades dos veciños.

Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Riós segundo o cal a Xunta achegará máis de 325.000 euros para a execución destas obras e o Concello contribuirá ao financiamento restante.

Augas de Galicia será a encargada da execución das obras e ao municipio corresponderanlle a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se realicen.

Esta intervención financiarase no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Actuacións

Este núcleo de poboación da parroquia de San Vicente do Navallo dispón actualmente dunha rede de abastecemento de auga potable e dunha rede separativa de saneamento de augas residuais, na súa maior parte, con canalizacións instaladas hai máis de 30 anos.  

A nova rede de saneamento de augas residuais que se vai executar ao abeiro desta colaboración entre a Xunta e o Concello será de tipo separativo, por gravidade, e inclúe a execución de 4 colectores, 9 ramais e 59 pozos de rexistro. A mellora proxectada supón unha lonxitude total de 1.442 metros para dar servizo a un total de 66 vivendas. 

A obra de mellora da rede de abastecemento partirá do depósito regulador actual para dar servizo a 76 vivendas mediante unha rede de distribución ramificada, polas características do viario do núcleo, con zonas de deseño mallado onde é posible. A lonxitude total da mellora da rede proxectada é de algo máis de 2.000 metros.

Data de actualización: 12/06/2023