O presidente da Xunta asiste á entrega dos galardóns desde ano en Arteixo
Rueda destaca que as 139 bandeiras e distintivos azuis de Galicia acreditan o compromiso da comunidade coa conservación do patrimonio natural e consolídana como destino turístico sustentable
Subliña que Galicia é a terceira comunidade con máis recoñecementos e que unha de cada cinco praias españolas que conta con bandeira azul é galega
Reciben este galardón un total de 113 praias, 12 portos deportivos e 14 centros azuis
Resaltou “a importancia” destes distintivos como reclamo turístico e instou a “coidar entre todos” o “tesouro natural” que ten a comunidade
Galicia recibiu un 19 % máis de visitantes no primeiro cuadrimestre do ano e bateu récord histórico de pernoctacións ao acadar as 2,3 millóns
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que as 139 bandeiras e distintivos azuis que recibe este ano Galicia acreditan o compromiso da comunidade coa conservación do patrimonio natural e consolídana como un referente do turismo seguro e sustentable. Durante a entrega dos distintivos deste ano, celebrada no concello coruñés de Arteixo, Rueda subliñou que Galicia “é a terceira comunidade con máis bandeiras azuis” e lembrou que “unha de cada cinco praias” con este distintivo en España é galega.
Novo récord do sector turístico
O presidente lembrou que o ano pasado rexistráronse máximos históricos de turistas na comunidade e os últimos datos acreditan que a tendencia mantense neste 2023. No primeiro cuadrimestre chegaron 1,3 millóns de visitantes -un 19 % máis que no mesmo período de 2022- e bateuse récord histórico de pernotacións (2,3 millóns). Ademais, Galicia pechou maio co número de peregrinos máis alto acadado nunca nese mes: por riba dos 61.000, é dicir, case un 30 % máis que en maio de 2022.