Lorenzana presenta nas oficinas de emprego de Ferrol e Vilalba o novo sistema de intelixencia artificial, EMi, que permitirá axustar oferta e demanda de traballo

A conselleira de promoción do emprego e igualdade, maría jesús lorenzana, mantivo hoxe un encontro co persoal traballador das instalacións ferrolás do centro, emprazadas na praza Camilo José Cela, e de Vilalba, ubicadas en Pintor López Guntín

Ademais de expoñer as vantaxes de EMi, Lorenzana destacou que cinco orientadores incorporáronse en marzo a estas dependencias para desenvolver o novo programa de seguimento intensivo da demanda e acompañar, de xeito personalizado, ás persoas usuarias con maiores dificultades para atopar un emprego

Estes cinco traballadores forman parte dos 136 novos profesionais que desde principios de ano ofrecen atención individualizada nas oficinas de emprego
 

Ferrol, 12 de xuño de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as oficinas de emprego Ferrol-Centro e de Vilalba para presentar os novos sistemas que este departamento da Xunta está a implantar no Servizo Público de Emprego de Galicia. A Administración autonómica está a acometer un ambicioso proceso de modernización que, entre outras vantaxes, está a permitir casar oferta coa demanda laboral, dando resposta ás necesidades de persoal traballador do tecido produtivo, e ofrecer, a través dun novo programa, unha atención personalizada aos colectivos con maiores dificultades.

A titular de Promoción do Emprego, dunha banda, destacou as vantaxes da nova ferramenta tecnolóxica EMi (Emprego Intelixente), baseada na intelixencia artificial, que permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público. Este sistema, que se está a implantar con carácter piloto en tres oficinas (Cambados, Pontevedra e Ordes), estenderase ao resto de oficinas de emprego da comunidade autónoma.

 

Trátase, tal e como subliñou Lorenzana, de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada para favorecer a xeración de máis e mellor emprego en Galicia.

 

Atención personalizada

A titular de Promoción do Emprego, doutro lado, incidiu en que o Goberno autonómico está a fixar a atención nas persoas usuarias destas oficinas que presentan maiores problemas para atopar traballo. Así, sinalou que a Xunta está a implentar, para iso, o novo programa de seguimiento intensivo da demanda de emprego para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a aquelas persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia que presentan dificultades para atopar un traballo co obxectivo de integralas o antes posible no mercado de traballo.

Para levar a cabo esta iniciativa, a principios de ano incorporáronse ás oficinas de emprego 136 novos profesionais -4 destinados en Ferrol e un en Vilalba- que están a realizar tarefas de orientación e prospección laboral. Entre as súas funcións, tamén están as de desenvolver o novo progrmaa que porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.  

A oficina de emprego de Ferrol-Centro, situada na praza Camilo José Cela, e a de Vilalba, emprazada na rúa Pintor López Guntín, 11, rexistraron o ano pasado 20.009 e 5.088 citas respectivamente. No plan de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia está previsto, ademais, que a localidade vilalbesa conte cunha nova oficina que se está a acondicionar na actualidade: cunha superficie de 605 metros cadrados estará emprazada na rúa Pedreiras,8.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2023