A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoán Martínez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para promover unha rede de Infraestruturas ferroviarias eficiente

A Xunta e o Clúster da Función Loxística de Galicia colaboran para impulsar o Corredor Atlántico Noroeste e contribuír a que Galicia sexa un polo de transporte de mercadorías de referencia global

O Goberno galego financiará con 140.000€ as actuacións que desenvolva o Clúster para o fomento do Corredor Atlántico ata 2025, coincidindo cun período esencial dentro dos prazos da UE para o desenvolvemento da súa rede prioritaria de transporte

Trátase de realizar estudos, encontros e traballos para implantar os estándares ferroviarios dos corredores europeos na rede galega integrada no Corredor Atlántico e potenciar o resto das infraestruturas ferroviarias para o transporte de mercadorías

Vázquez Mourelle sinala que o desenvolvemento do Corredor Atlántico permitiría triplicar en 2040 a cota modal do ferrocarril no transporte de mercadorías, abaratar en 1.300 M€ os custos do transporte de mercadorías ou mobilizar máis de 6.500 empregos

Insta ao Goberno central ao impulso das infraestruturas ferroviarias de alta velocidade entre Vigo e Portugal nun prazo razoable, para o que cómpren pasos decididos a prol da Saída Sur

Vigo, 12 de xuño de 2023 A Xunta e o Clúster da Función Loxística de Galicia colaborarán para impulsar o Corredor Atlántico Nnoroeste e contribuír a que Galicia sexa un polo de transporte de mercadorías de referencia global.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoán Martínez, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre a Xunta e a asociación para o impulso do Corredor Atlántico Noroeste. Tamén participou no acto o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

Vázquez Mourelle salientou que o obxectivo é unir o interese estratéxico do Goberno galego por potenciar a competitividade da comunidade a través das infraestruturas e servizos de transporte de mercadorías co interese do conxunto de operadores da cadea loxística aglutinados no Clúster por chegar nas mellores condicións e coas maiores facilitades aos mercados internacionais.

O Goberno galego financiará con 140.000 € as actuacións que desenvolva o Clúster para o fomento do Corredor Atlántico ata o ano 2025, coincidindo cun período esencial dentro dos prazos marcados pola UE para o desenvolvemento da súa rede prioritaria de transporte.

Trátase de desenvolver estudos, encontros, foros e traballos encamiñados a axudar a implantar os estándares ferroviarios dos corredores europeos na rede galega integrada no Corredor Atlántico e a potenciar o resto das infraestruturas ferroviarias para o transporte de mercadorías, contando cunha rede de terminais intermodais para mercadorías.

A conselleira detallou que o desenvolvemento do Corredor Atlántico Noroeste permitiría triplicar en 2040 a cota modal do ferrocarril no transporte de mercadorías, evitar a emisión á atmosfera de 22 millóns de toneladas de CO2, abaratar en máis de 1.300 M€ os custos do transporte de mercadorías ou mobilizar máis de 6.500 empregos ao ano.

Sinalou que este camiño pasa, de forma ineludible, polo impulso decidido das infraestruturas ferroviarias de alta velocidade que conecten Vigo con Portugal nun prazo razoable, para o que cómpren pasos decididos a prol da Saída Sur.

Destacou a necesidade dunha interlocución real co Goberno de España, tendo en conta que desde que o 27 de xaneiro se anunciou a creación do demandado Comisionado do Corredor Atlántico, a Xunta non puido aínda de manter unha xuntanza con ese representante para expoñer os seus intereses.

Lembrou que a Xunta traballa desde hai anos co obxectivo de impulsar o transporte ferroviario de mercadorías entre Galicia, o resto de España, Portugal e o conxunto da Unión Europea, a través do Corredor Atlántico.

Recordou que se teceron alianzas no exterior, coas comunidades de Asturias e Castela e León, coas que foi posible corrixir o erro histórico que deixaba o Noroeste peninsular fóra do Corredor Atlántico; e alianzas interiores, cos operadores privados, para contribuír a que Galicia se converta nun polo loxístico de referencia global.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2023