O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica participou na presentación do ‘Informe de tendencias agroalimentarias 2023 e economía azul’

A Xunta destaca a economía azul e os produtos do mar como motores de crecemento nas zonas costeiras

Antonio Basanta salienta o papel destacado que xoga a comunidade neste ámbito cos investimentos realizados en eidos como a pesca, a acuicultura, o marítimo-portuario ou o turismo

Destaca a posta en marcha dunha gran cantidade de proxectos de investigación, tanto a nivel público como privado, para fomentar a cooperación e a sustentabilidade dos distintos modelos empresariais

Vigo, 12 de xuño de 2023 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, defendeu hoxe a importancia da economía azul e dos produtos pesqueiros no futuro das zonas costeiras posto que o mar é un actor e motor principal no impulso do seu desenvolvemento económico e social.

Neste sentido, apuntou o papel destacado que xoga Galicia neste ámbito, a través do investimento realizado en eidos como a pesca, a acuicultura, o marítimo-portuario ou o turismo así como a creación dunha gran cantidade de proxectos de investigación postos en marcha para fomentar a cooperación neste sector.

Así o destacou o representante autonómico durante a presentación do Informe de tendencias agroalimentarias 2023 e economía azul, presentado en Vigo da man da Fundación Europea para a Innovación e Aplicación da Tecnoloxía, Minsait Indra e Abanca Mar, co obxectivo de mostrar as principais tendencias e retos do sector agroalimentario así como as oportunidades que representa a economía azul para impulsar o emprego, o crecemento económico e a protección do medio ambiente.

“Estudos coma este non fan máis que confirmar que a travesía iniciada ata agora é a correcta, xa que en Galicia compartimos os obxectivos da UE para garantir a seguridade alimentaria ante o cambio climático e a perda de biodiversidade, reducir a pegada ambiental e climática do sistema alimentario e reforzar a resiliencia do sistema alimentario, entre outros”, apuntou Antonio Basanta.

O director xeral puxo de relevo a importancia da economía azul neste sistema lembrando que máis do 70% da superficie do planeta está ocupada por auga e que os mares e océanos son motores de crecemento e innovación para un desenvolvemento sostible e rendible. A este respecto, lembrou que Galicia xa comezou a desenvolver a súa propia axenda sobre a economía azul, orientada a aqueles sectores con vantaxes competitivas ou que poidan reportar maiores oportunidades á comunidade.

Entre os proxectos de investigación e desenvolvemento que se puxeron en marcha na comunidade en relación co Blue Growth, o representante autonómico destacou as iniciativas relacionadas coa biotecnoloxía mariña, a acuicultura e a conservación do medio ambiente mariño levadas a cabo polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar.

“Somos unha das rexións europeas con maior número de proxectos de investigación e desenvolvemento postos en marcha, tanto a nivel público como privado, grazas á creación de clústeres e asociacións que fomentan a coordinación e a sustentabilidade dos distintos modelos empresariais”, salientou Antonio Basanta.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 12/06/2023