O DOG tamén recolle hoxe a aprobación do expediente de información pública e do informe das administracións afectadas polas obras, que suporán un investimento de máis de 24 millóns de euros

A Xunta publica a aprobación do proxecto de trazado dos accesos ao novo hospital público da Coruña

Trátase do anel de circulación ao redor do Novo CHUAC e da configuración das entradas ao complexo, que garantirá tamén o tránsito durante as obras

A previsión é iniciar a contratación conxunta do proxecto construtivo e das obra este mesmo mes de xuño, cun prazo de execución de 24 meses, e levar a cabo as expropiacións no 2º semestre do ano

O proxecto reduce as expropiacións a 18 parcelas e evita a afección a vivendas, reducindo ao máximo o impacto na contorna e procurando a mellor integración no conxunto arquitectónico, de acordo coas demandas da veciñanza

Mellorarase o acceso ao hospital público desde a AC-12, a vía estatal cuxa titularidade asumirá a Xunta para facilitar e garantir as comunicacións ao hospital

Disporase un anel perimetral que rodeará o Novo CHUAC ata a intersección coa rúa Curramontes con Castiñeiro de Eirís e que incluirá un viaduto para reducir a afección, ademais de evitar calquera afeccións ao pazo Guyatt

Durante as obras crearase un aparcadoiro provisional ao oeste da rúa Curramontes e un acceso de saída cara á AC-10

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado dos accesos ao novo Hospital Público da Coruña, que comprende o anel de circulación ao redor do Novo CHUAC e a configuración das entradas ao complexo, que garante o tránsito durante a execución das obras.

O DOG recolle hoxe o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 1 de xuño, no que tamén foi autorizado o trámite de información pública e do informe das administracións afectadas polas actuacións, que suporán un investimento de máis de 24 millóns de euros e teñen un prazo de execución de 24 meses. 

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230612/AnuncioG0181-060623-0001_gl.html
 

A Xunta prevé licitar conxuntamente a redacción do proxecto construtivo e a execución das obras neste mes de xuño e convocar os actos expropiatorios no segundo semestre do ano.

O deseño dos novos enlaces evita a afectación a vivendas e reduce as expropiacións a 18 predios. A superficie de expropiación definitiva acadará os 19.074 m², dos que 14.360 m² serán de ocupación definitiva, sen que afecte a ningunha vivenda, e os restantes 4.714 m² de ocupación temporal.

O Novo CHUAC é un proxecto estratéxico e prioritario xa en marcha e no que están a traballar, conxuntamente, as Consellerías de Sanidade e de Infraestruturas, cun investimento de máis de 500 millóns de euros para blindar a atención sanitaria da área da Coruña nas vindeiras décadas.

A Xunta continúa avanzando para dotar a área da Coruña dun hospital de vangarda, un esforzo que se verá incrementado aínda máis ao facerse cargo a administración autonómica tamén o incremento do prezo das expropiacións e dos accesos que correspondería asumir o Concello, para que o hospital conte cuns accesos acordes e axeitados a este grande equipamento sanitario.

Adaptación do trazado

O trazado dos accesos adaptouse para reducir ao máximo o impacto na contorna e mellorar a súa integración no conxunto arquitectónico, atendendo así ás inquedanzas da veciñanza.  Ademais, conta coa declaración de impacto ambiental simplificada, garantindo ao máximo a integración e a funcionalidade, co menor impacto visual e integrado na trama urbana da cidade. 

En concreto, o proxecto de trazado recolle a construción dunha nova ligazón sobre a AC-12,  para que a Xunta asinou o pasado martes, días 6 de xuño, o convenio para asumir este tramo da vía estatal para mellorar así os accesos. Trátase dun enlace de tipo trompeta, similar ao existente.

Como resultado da información pública, modificouse o modo de executar as obras na parte máis próxima Ás Xubias, de modo que se evita calquera afección ao pazo Guyatt, á súa finca e ao peche perimetral.

O proxecto tamén prevé executar un anel perimetral que rodeará ao Novo CHUAC, ata a intersección coa rúa Curramontes con Castiñeiro de Eirís, con posibilidade de acceso ao aparcadoiro e ao CHUAC polo viario existente.

Habilitarase un aparcadoiro provisional ao oeste da rúa Curramontes e un acceso de saída cara á AC-10 que estará operativo durante as obras. Estes novos viarios permitirán manter os servizos actuais do hospital sen afección ao tráfico, así como habilitar os viarios necesarios para a construción do Novo CHUAC.

A complexidade e detalle da actuación proxectada pola Xunta amósase tamén nos trazados e nas estruturas que se van executar.

Con respecto ao trazado, destacan os 21 eixes distintos, desde os principais ata pequenos ramais ou encontros; e a nova glorieta, que contará cun diámetro exterior de 41 metros. Ademais coordínanse cos 5 viarios existentes cos que entronca, así como cos 5 eixes adicionais que se executarán adicionalmente co Novo CHUAC para completar a configuración final. A lonxitude de vias que se inclúen neste proxecto é de 4,09 km, que chegarán a 5,76 km co Novo CHUAC completo.

Na intervención proxectada inclúense, ademais, 6 estruturas viarias, que suman 601,5 metros de lonxitude e inclúen: o novo paso superior da AC-12, de 158,8 metros de lonxitude, xunto a unha beirarrúa, ademais da sección para vehículos; o viaduto principal do anel, cunha lonxitude de 157,5 m; e 4 estruturas máis na ligazón da AC-12 no lado do CHUAC, incluíndo 3 pontes ou viadutos, e un paso inferior.

Cómpre lembrar o traballo da Xunta no impulso proxecto, así como a capacidade de concertación da solución co Concello da Coruña, o compromiso de asumir a titularidade da AC-12, ter conseguido xa o informe favorable de todas as administracións, así como ter coordinados todos os proxectos e a programación da obra viaria e de accesos.

O Consello da Xunta deulle o seu visto e prace á actuación o 1 de xuño tras acadarse o pasado mes de marzo o acordo o Concello da Coruña para desbloquear o convenio sobre o Novo CHUAC, logo de que a Xunta puxese enriba da mesa propostas viables e eficientes. Co acordo acadado, o Concello xa non se fará cargo da expropiación do CHUAC, senón que financiará o viario e accesos, dos que tamén asumirá a súa titularidade. Esta decisión, xunto cun plan de pagos flexible para a achega municipal, propiciou o desbloqueo do convenio.

O día 26 de maio a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia o inicio da información pública do Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, establecendo o prazo dun mes para que os interesados poidan presentar achegas. Trátase do instrumento de ordenación urbanística do solo necesario para a construción do novo hospital público da Coruña, incluíndo as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade e o novo edificio hospitalario nas Xubias, ademais do espazo previsto para a reubicación de vivendas afectadas.

A Xunta traballa coa previsión de licitar, tamén este mes de xuño, a demolición do Hotel do Doente e a construción da Torre Polivalente.

Data de actualización: 12/06/2023