A Agasp aborda hoxe nunha xornada a Lei de protección integral da liberdade sexual

Máis de 200 persoas asisten á sesión, na que interveñen a maxistrada Belén Rubido e a fiscal María Rey

A Estrada (Pontevedra), 12 de xuño de 2023

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) aborda hoxe nunha xornada a Lei de protección integral da liberdade sexual, coa participación da maxistrada do xulgado do Penal número 4 de Pontevedra Belén Rubido e da fiscal da Fiscalía Provincial de Pontevedra María Rey. O encontro desenvolverase ao longo da mañá e prevese a asistencia de máis de 200 persoas.

A sesión ábrese cunha mesa redonda na que ambas relatoras analizarán a nova normativa. A continuación,  María Rey afondará na agresión sexual desde a Lei de protección integral da liberdade sexual, e Belén Rubido centrarase na agresión sexual a menores de 16 anos. O peche porao unha mesa redonda sobre as disposicións comúns e novos tipos delictivos.

Dirixida a persoal das forzas e corpos de seguridade, así como do eido xurídico, xornada enmárcase na programación formativa da Academia Galega de Seguridade Pública para 2023, que ten entre as súas prioridades incidir no tratamento con colectivos vulnerables para dotar os profesionais que participan nestas intervencións dos recursos e das habilidades precisas. 

Nesta liña de acción, o calendario da formación continua deste ano para as forzas e corpos de seguridade inclúe cursos sobre tratamento policial dos menores que cometen delitos penais, protección de menores vítimas de infracción penais, menores e internet, redes sociais e adolescencia, tratamento a menores vítimas de violencia sexual e prevención do acoso escolar, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2023