A renovación do firme no enlace de Santiago sur da autovía AG-56 fará necesarios cortes de tráfico en distintos ramais a partir do luns

Os traballos acometeranse neste enlace ao longo de dúas semanas, en horario comprendido entre as 08,30 e as 20,30 horas

As obras comezarán polo ramal de saída da AG-56 cara ao Milladoiro, propoñendo como alternativa saír no enlace de Pardiñas da AG-56 ou na saída Ourense da AP-9

O seguinte ramal no que se traballará será a saída da AG-56 á SC-20 sentido Santiago, aconsellando a saída de Pardiñas; e logo avanzarase na entrada desde a SC-20 cara á AP-9, reconducindo o tráfico polo ramal da marxe oposta

As tarefas finalizarán no ramal de entrada na AG-56 desde a SC-20 (sentido Santiago) cara á AG-56 en sentido Brión, reconducindo a entrada de vehículos pola marxe oposta

As obras, centradas na rehabilitación do firme e na reposición da sinalización, supoñen un investimento de case 5,9 M€, asumido dentro do contrato de concesión da autovía
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2023

A renovación do firme no enlace de Santiago sur da autovía Santiago-Brión (AG-56) fará necesarios cortes de tráfico en distintos ramais a partir do luns. 

Os traballos acometeranse neste enlace ao longo de dúas semanas, nas que se afectará as entradas e saídas, sinalizándose en cada caso o desvío correspondente. As actuacións desenvolveranse no horario comprendido entre as 08,30 e as 20,30 horas. 

Esta programación comezará polo ramal de saída desde a AG-56 cara ao Milladoiro, propoñendo a saída no enlace de Pardiñas da AG-56 ou na saída Ourense da AP-9. 

O seguinte ramal no que se traballará será a saída desde o tronco da AG-56 á SC-20 sentido Santiago. Aconséllase a saída no enlace de Pardiñas da AG-56. 

A continuación, as intervencións acometeranse na entrada na AG-56 desde a SC-20 (sentido O Milladoiro) cara á AP-9. Neste caso, reconducirase a entrada de vehículos polo ramal da marxe oposta. 

Finalmente, os traballos executaranse no ramal de entrada na AG-56 desde a SC-20 (sentido Santiago) cara ao tronco da AG-56 en sentido Brión. Reconducirase a entrada de vehículos polo ramal da marxe oposta. 

Acondicionamento do firme

Estas tarefas forman parte da renovación do firme na autovía Santiago-Brión (AG-56) e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas que se está a levar a cabo nas últimas semanas e suporá un investimento de case 5,9 M€, asumido dentro do contrato de concesión da autovía.  

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses, céntranse no acondicionamento do firme de puntos ou zonas singulares onde existe un deterioro acentuado, mediante o fresado de 5 cm de capa de rodaxe e a reposición de 5 cm con mestura intermedia. 

As obras tamén inclúen o selado de fisuras transversais e o estendido de nova capa de rodaxe no tronco, ramais e enlaces.  

As actuacións complementaranse coa posterior reposición da sinalización horizontal e vertical.

Data de actualización: 10/06/2023