A Xunta organiza un curso para a formación de asesores especializado en apicultura

A iniciativa enmárcase dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, para a formación de asesores co gallo de prestar unha mellor atención á cidadanía

O curso céntrase na apicultura galega, tratando temas como o desenvolvemento das abellas e a correcta recolección dos seus produtos
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2023

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un curso para a formación de asesores especializado en apicultura. A acción comezou esta semana no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude e rematará o día 10 de xullo na mesma localización.

Trátase dunha acción formativa enmarcada no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, dentro da submedida dedicada á formación de asesores, co fin de que presten unha mellor atención á cidadanía. Ao longo das próximas semanas sucederanse diferentes faladoiros impartidos por persoal experto sobre cuestións fundamentais relacionadas coa apicultura.

Así, as charlas, destinadas a persoal técnico e asesor da Consellería, tratarán temas como o desenvolvemento e organización social das abellas e os criterios de selección das mesmas, así como os tipos de colmeas e o seu manexo. Ademais, os asistentes tamén poderán aprender sobre sanidade apícola e recolección dos produtos elaborados polas abellas.

Data de actualización: 10/06/2023