A Xunta destaca a solvencia técnica e profesional dos informes periciais no eido xurídico

O director xeral de Xustiza participou na inauguración do ‘Congreso Internacional do Documento Escrito’, centrado na documentoscopia, a pericia caligráfica e a grafoloxía

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do Congreso Internacional do Documento Escrito, onde destacou a solvencia técnica e profesional dos informes periciais no eido xurídico. Para Tronchoni, a transcendencia social e económica dos documentos fai imprescindible avanzar en investigación e desenvolvemento no eido documental co obxectivo de favorecer as innovacións tecnolóxicas a prol da seguridade.

O director xeral referiuse á importancia da formación con iniciativas como o congreso organizado en Compostela pola Asociación Galega de Peritos Xudiciais e Forenses co apoio da Xunta, na que se combinan teoría e práctica a través dos relatorios e obradoiros previstos “cun plan formativo baseado nas necesidades observadas no traballo diario dos xulgados”.

José Tronchoni incidiu na necesidade de investir en coñecemento e de apostar pola formación como instrumento de xestión e adquisición de competencias para garantir a calidade na prestación dos servizos da Administración de Xustiza. Nesta liña salientou o esforzo constante que está a facer a Xunta a prol dun servizo moderno, dixital e máis áxil con iniciativas como o Plan de infraestruturas xudiciais ou o Plan Senda 2025 de dixitalización. 

 
Data de actualización: 09/06/2023